Aínda estamos a tempo de presentar propostas ao Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre

luns, 1 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

O prazo para a achega de propostas á quinta edición do Premio ao mellor proxecto de Fin de Carreira con Software Libre, promovido pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Igalia e Trasno, ficará aberto ata o vindeiro 31 de outubro. Segundo informan as entidades promotoras deste recoñecemento, dirixido a visualizar e distinguir o importante traballo de investigación en programación aberta que se está a desenvolver no noso eido universitario, ao devandito premio poden presentarse tódolos proxectos de fin de carreira que foran presentados no Sistema Universitario Galego en calquera das convocatorias nos anos académicos 2010-2011 e 2011-2012, incluídos polo tanto os de setembro de 2012.
Os requirimentos que deben cumprir os proxectos son os seguintes: ter sido desenvolvidos cunha integración-aplicación libre de calquera linguaxe de programación e que fora publicado o software desenvolvido durante o Proxecto Fin de Carreira cunha licenza aberta entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative.
O premio está dotado con ata 2.300 euros a repartir en tres categorías; primeiro premio e accésit, concedidos pola empresa Igalia, e unha mención especial, que concederá a Asociación Cultural Trasno á promoción da lingua galega no ámbito novas tecnoloxías ao proxecto en software libre no que se traduza, localice, internacionalice ou se difunda a lingua galega.
A firma galega Igalia tamén ofrece un 10% de desconto adicional aos participantes neste premio que queiran cursar o Máster en Software Libre para o tamén continúa aberto o prazo de matriculación. As persoas interesadas en participar poden consultar as bases na páxina do premio ao abeiro do portal mancomún, ou ben pórse en contacto coa oficina de coordinación FLOSS da Xunta, en ocfloss@xunta.es.
Dáse a circunstancia de que este ano, a diferenza de outras convocatorias que viñan da man –integramente- de Igalia, o certame conta coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en labores de organización, por vez primeira. A iniciativa, sinala a Axencia, insírese na súa liña de actividade de promoción do código aberto, “o Plan de Software Libre 2012 da Xunta para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega”.
Este premio, que vai pola súa V edición, foi creado no 2007 pola empresa galega Igalia, tras detectar un baleiro de profesionais especializados neste área. Xunto co premio, Igalia puxo en marcha o Máster en Software Libre que organiza en colaboración coa Universidade ReyJuan Carlos.
Ademais de co patrocinio da empresa Igalia e da Asociación Cultural Proxecto Trasno, cóntase coa participación e colaboración das tres universidades galegas, de AGASOL, e das asociacións galegas de usuarios de Software Libre GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Trasno.

PUBLICIDADE