AirSelfie, a cámara portátil voadora máis pequena do mundo

luns, 21 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Aínda que os drons son uns produtos cada vez máis doados de manexar, para a meirande parte do público son aínda moi caros e complexos, e para usos máis básicos de cámaras voadoras chega un proxecto a Kickstarter que xa completou o seu financiamento a máis dun mes de rematar a súa campaña de captación de fondos, dado o seu atractivo: a AirSelfie.
Estamos ante unha pequena cámara voadora que destaca fronte a outros conceptos semellantes por poder integrarse nunha funda do móbil, facilitando o seu transporte. A AirSelfie presume de ser a cámara voadora portátil máis cativa do mundo, pois preséntase cun tamaño de 94,5 x 67,4 x 10,6 milímetros e un peso de 52 gramos, de aí que sexa doado levala a calquera parte para logo, valéndonos do smartphone como sistema de control, podamos disparar fotografías a certa distancia sen ter que empregar un pau de selfie, así como tamén gravar vídeo, estando estes contidos pensados para compartirse ao momento nas nosas redes sociais.
Esta pequena cámara con 4 rotores é compatible con iOS e Android e funciona en 3 modalidades de voo: modo selfie (o sistema máis automático no que só haberá que empregar un par de botóns direccionais para indicar a distancia á que debe pórse a AirSelfie), modo selfie con control de movemento (que presenta un mando virtual na súa aplicación móbil para controlar o dispositivo voador) e modo voo (no que podemos mover a cámara até localizar a posición de disparo perfecta e a AirSelfie procurará manter a súa posición estática no aire).
A AirSelfie integra unha cámara de 5 Mpíxeles, ten unha carcasa de aluminio anodizado que achega grande resistencia, xera unha Wi-Fi de seu cando está en funcionamento, integra unha tarxeta microSD de 4 GB para almacenar os contidos que queiramos captar dende o aire, e conta cunha batería de 260 Ah que permitiría 3 minutos de voo, aínda que para a súa recarga non habería que buscar un enchufe de parede, senón que chegaría a propia carcasa de transporte (que podería realizar até 20 cargas antes de quedar sen batería) ou un cable USB conectado a algunha fonte de enerxía.
Os primeiros en facerse con este produto a través de Kickstarter poden conseguilo por 179 euros, recibíndoo a partires do mes de marzo do ano que vén. Supostamente o prezo de venda a través desta campaña sería a metade que recorrer a tendas tradicionais cando o produto sexa unha realidade comercial o ano que vén.

PUBLICIDADE