Alan Wake estréase no PC con prezo reducido

venres, 17 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Un dos xogos máis esperado para Xbox 360 no seu día fora Alan Wake, en boa medida por ser obra dun estudo moi recoñecido (Remedy Entertainment, autores das dúas primeiras entregas de Max Payne) e por tardar uns 5 anos en ver a luz dende o seu anuncio oficial. Aínda que o xogo fora desenvolvido coa intención de contar con versión para PC e Xbox 360, Microsoft decidiu que fose exclusivo da súa consola doméstica, pero finalmente deron o seu brazo a torcer, e aínda que xa pasou moito dende o lanzamento deste título (que veu a luz o 14 de maio de 2010), a súa chegada na súa versión para Windows nas últimas horas é unha excelente nova, pois non só achega este survival horror ao PC, senón que faino a moi bo prezo, xa que neste intre pode adquirirse por só 20,99 euros a través de Steam (a versión para Xbox 360 continúa a venderse por 39,99 euros).
A historia está protagonizada por un escritor de best-sellers do que desapareceu a súa esposa, o que o levará a unha aventura terrorífica no que a principal ameaza será a escuridade. Alan Wake, intentando salvar ao seu amor, deberá resolver un misterio construído como se estivésemos dentro dunha serie de televisión da que este mesmo trimestre van chegar novos episodios para a versión de Xbox 360 (concretamente na forma de xogo descargable que leva por título Alan Wake’s American Nightmare).


Trailer de lanzamento da versión para PC de Alan Wake
ACTUALIZACIÓN (20-2-2012): Os responsables da adaptación de Alan Wake ao PC aseguran que conseguiron amortizar esta versión en 48 horas.

PUBLICIDADE