Alan Wake terá remasterización en 4K

martes, 7 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Hai algo máis dunha década os xogos de Alan Wake convertéronse nun dos sinais de identidade da Xbox 360, e aínda que máis adiante chegaron a PC, estabamos ante un traballo de Remedy Entertainment ligado estreitamente con Microsoft, pero agora están a mudar as tornas e os creadores do xogo anuncian que Epic Games encargarase de publicar Alan Wake Remastered, unha remasterización deste xogo que, aparte de ordenadores e consolas Xbox chegará tamén a PS4 e PS5.
Dende Remedy aseguran que a nova versión de Alan Wake respectará a experiencia de xogo orixinal, aínda que si mellorarán os modelos gráficos e as cinemáticas, á vez que tamén incluirán modificacións para aproveitar as características das consolas de nova xeración, o que promete que será un bo xeito de recuperar esta franquía dun xeito digno, achegándoa a usuarios de consolas da xeración anterior e da actual.
Nos vindeiros meses darán máis detalles deste lanzamento que polo momento parece limitado ao xogo orixinal coas súas dúas expansións, deixando a un lado a secuela Alan Wake’s American Nightmare.

PUBLICIDADE