Alcalde Corrupto, xa dispoñíbel para iOS

luns, 22 de xuño do 2015 Fernando Sarasketa

Os estudios galegos MeigaLabs veñen de anunciar que xa teñen dispoñíbel para descarga a versión iOS do seu xogo Alcalde Corrupto. Como lembraremos, trátase dun xogo desenvolvido en clave crítico-humorística sobre un problema que nos acompaña todos os días nos medios de comunicación e para o que moitos de nós estabamos devecendo por algún tipo de desafogo retranqueiro. No xogo, de feito, encarnaremos a un rexedor corrupto cuxo obxectivo principal é amasar unha fortuna para a súa conta de Suíza. Poderémolo facer recollendo billetes (cantos máis mellor, claro) ou realizando contratos non moi legais (enchufando parentes, sendo un cacique en toda regra) e tomando "unha gran variedade de decisións".
Amais do devandito, tamén podemos meternos na pel dun político corrupto para facer cousas como irnos de vacacións (intercambio cultural e de coñecemento) con narcotraficantes, mover marcos das fincas ou sacar extractos da nosa conta en Suíza para compartir e gabarnos da cantidade acubillada.
O xogo achégase tamén para a plataforma Android.

PUBLICIDADE