Aliens: Colonial Marines chegará a primeiros de 2013

luns, 21 de maio do 2012 Marcus Fernández

A franquía cinematográfica de Aliens sempre estivo moi activa no mundo dos videoxogos, e para continuar a explotar o filón o 12 de febreiro de 2013 chegará ás tendas o agardado Aliens: Colonial Marines para Xbox 360, PlayStation 3 e Windows PC (a versión para Wii U anunciarase máis adiante), o que supón un adiamento máis de 2012 a 2013 dun grande lanzamento, o que en boa medida impedirá que aproveite o pulo da película Prometheus na que Ridley Scott narrará os acontecementos previos á primeira película da saga de Aliens.

Un grupo de Colonial Marines deberá enfrontarse a mortais xenomorfos no novo xogo que Gearbox está a desenvolver para SEGA

O novo videoxogo de SEGA está a ser desenvolvido por Gearbox Software e tomará a forma de shooter en primeira persoa, amosando uns gráficos impactantes e contando con modos de xogo individual, cooperativo e competitivo. O punto de vista será en primeira persoa se tomamos o rol dun membro dos Colonial Marines, mentres que se optamos por ser un xenomorfo (alien) o punto de vista será en terceira persoa.
O xogo pretende continuar co éxito de títulos como ALIENS vs PREDATOR, que en 2009 foi un dos máis vendidos por parte de SEGA, e levará a acción á nave U.S.S. Sulaco, aparentemente deserta, e na que o equipo de Colonial Marines dos EE.UU. que a abordan descubrirán polas malas o que aconteceu coa súa tripulación. Tamén poderá visitarse a superficie do planeta LV-426 e a súa colonia humana, facendo uso das armas inspiradas nas películas e construíndo así un novo capítulo deste rico universo de ficción.


Trailer do xogo

PUBLICIDADE