Altia, R e Tecnópole participan no foro de emprego que comeza este martes en Vigo

luns, 21 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Equipo coordinador do foro, formado por alumnos das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo

Esta semana a Universidade de Vigo acolle a undécima edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, unha xuntanza que comeza este martes 22 ás 13.00 horas e que como o seu propio nome indica diríxese a facilitar a procura dun posto de traballo en empresas da innovación, e, tamén, a través de recursos innovadores. En definitiva, que o foro terá base tecnolóxica non só polo tipo de empresas ás que convoca, senón tamén pola índole das actividades ás que vai dar acubillo (obradoiros, traballos en rede, workshops, etc) e polos formatos de comunicación demandante-empresa que proxecta visualizar. Segundo fai saber a organización da xuntanza, este ano haberá importantes melloras, nos recursos postos en xogo e na cantidade de firmas que participan.
O foro terá o seu emprazamento na ETSE Minas, onde se dará acubillo a 18 postos de información e contacto, aos que se van unir cinco empresas achegando relatorios sobre o mercado laboral da innovación. As actividades rematan o xoves 24.
Entre as empresas e entidades novas atopamos a Alcoa, Babel, EF, a Fundación Barrié de la Maza, Quantum, Imaxdi, Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) ou Bancaja, e entre as que reinciden albiscamos algunha que outra de base tecnolóxico-dixital, como Accenture, Altia Egatel ou R, a operadora galega de telecomunicacións que este ano, por certo ten programado o desenvolvemento dun workshop, un obradoiro activo aberto á participación de enxeñeiras e enxeñeiros. Amais das devanditas, tamén participarán no foro empresas como Bosch, Cepsa ou Repsol, ás que hai que engadir a Altrán, que ao igual que R prepara un encontro activo-integrador.
Aínda que a inauguración terá lugar este martes día 22, ás 13.00 horas, sinala o equipo que organiza o Foro Tecnolóxico de Emprego, “dende a mañá do luns 21 ata o xoves 24 o salón de graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o salón de actos da EE Industrial e o vestíbulo da ETSE de Minas acollerán as diferentes actividades abertas a todo o alumnado interesado, sexan ou non da Universidade de Vigo”.
Por certo que co obxectivo de que ninguén fique sen a súa oportunidade de darse a coñecer perante as empresas participantes, a organización xa anunciou que empregará a páxina do foro para facilitar os contactos.

PUBLICIDADE