Altia e a Zona Franca de Vigo invisten en Docuten

xoves, 30 de xuño do 2022 Redacción

A Zona Franca de Vigo, a través de Vigo Activo Sociedade de Capital Risco, e Altia investiron 1,2 millóns de euros (600.000 euros cada unha) en Docuten Tech, empresa que dixitaliza de forma completa as empresas, con axuda da sinatura dixital e a emisión e recepción de factura electrónica.
O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, asegurou que “a dixitalización e a eliminación do papel é un proceso imparable, ao que as pequenas e medianas empresas están a sumarse. Entendemos que apoiar a Docuten é apoiar tamén ao tecido empresarial de pemes no seu proceso de innovación”.
Grazas a esta inxección de capital, Docuten, con sedes na Coruña e Madrid, poderá seguir a senda de crecemento dos últimos anos, nos que consolidou a súa posición no mercado español como unha das empresas de dixitalización mellor posicionadas para clientes medianos e grandes, ademais de redobrar a súa aposta polo mercado portugués.
O CEO de Docuten, Brais Méndez, declarou que “a aposta que fan por Docuten estas dúas institucións tan relevantes é o recoñecemento á estratexia de crecemento executada nos últimos anos” . Ademais, destacou que “a colaboración tanto con Vigo Activo como con Altia amplía as posibilidades de expansión do negocio da compañía”.
Os novos investidores únense a GoHub Ventures e a Torsa Capital que entraron na compañía en decembro de 2019.
Como recalca Brais Méndez, “é un luxo contar con 4 axentes tan importantes e con capacidades complementarias no accionariado de Docuten. A nosa intención sempre foi poder contar con investidores que se poidan complementar e que nos poidan achegar moito valor’’.
Para Tino Fernández, presidente e fundador da compañía tecnolóxica Altia, “Esta decisión enmárcase na nosa estratexia de innovar e crecer con solucións que faciliten a dixitalización dos nosos clientes e a evolución dos seus negocios. En concreto, investimos en Docuten porque conta cunha plataforma tecnolóxica contrastada, que nós recomendamos e tamén utilizamos. Un proxecto que ademais está en pleno proceso de expansión, e para o que vemos perspectivas de crecemento elevadas tras os sucesivos cambios normativos que están a impulsar cada vez con maior vigor a sinatura e factura electrónica”.

PUBLICIDADE