Altia lanza unha plataforma colaborativa para mellorar drasticamente a xestión do sector loxístico

martes, 26 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Altia, compañía tecnolóxico-dixital galega, vén de lanzar unha solución innovadora, revolucionaria e colaborativa para acelerar a transformación dixital do sector loxístico. Estamos a falar de Altia Control Tower, unha rede de participación que integra nunha única plataforma, a xeito de comunidade de traballo, a todos os axentes involucrados na cadea. Entre os seus principais cometidos figura o de permitir, de maneira clara, sinxela e eficaz, a xestión de todos os transportes dunha empresa a través dunha única ferramenta. Unha das claves fundamentais de Altia Control Tower está no binomio formado por intelixencia e rapidez.
Ao devandito cómpre engadir os factores eficiencia, rendibilidade e aforro. En termos concretos, pon en xogo reducións de até o 75% en custos de expedición e do 90% en stock circulante, así como melloras substanciais en materia de servizos (con incrementos de até o 100% en materia de entregas puntuais).
“A solución”, explican dende Altia, “xunta nunha única plataforma todos os axentes involucrados na cadea dunha empresa determinada, tanto internos como externos (xestores de tráfico, almacéns, transportistas, condutores, persoal de seguridade, etc.), e todo co obxectivo de que acaden visibilidade en tempo real de toda a cadea loxística e os transportes implicados”.
Segundo engade a empresa galega, unha das grandes vantaxes de “unificar e homoxeneizar” o sistema de control nun punto central é a posibilidade real de mellorar de maneira drástica a xestión administrativa dos axentes, ao que cómpre sumar o factor de predición: con Altia Control Tower as compañías son quen de anticiparse ás incidencias nos transportes, aproveitar os tempos mortos nos almacéns e mellorar a rendibilidade do servizo.
“Altia Control Tower axuda ás compañías que queiran adaptarse ás esixencias dun mercado tremendamente competitivo e globalizado a través dunha única rede na que colaboran os diferentes axentes”, salienta Iago Rodriguez, responsábel da unidade Altia Logistic Software, que engade que “as grandes empresas dos sectores de distribución alimentaria, de consumo, motor, materiais de construción ou farmacéuticas que contan cun gran volume de mercadorías, precisan contar cunha rede loxística colaborativa coas máis amplas capacidades de integración, adaptación e evolución”.

PUBLICIDADE