Amazfit X: a pulseira de actividade que quere ser smartwatch

mércores, 29 de abril do 2020 Marcus Fernández

O último smartwatch de Amazfit non vai chegar directamente ás tendas, senón que vai ver a luz a través dunha campaña de micromecenado artellada en Indiegogo. Este novo trebello é o Amazfit X, que conceptualmente achéganse ao concepto das pulseiras deportivas Galaxy Gear Fit, ao estar baseado nunha pantalla curva de 2,07 polgadas (cunha resolución de 206 x 640 píxeles), aínda que nesta ocasión temos un produto que grazas aos avances dos últimos anos é moi completo.
O Amazfit X ten un sensor de ritmo cardíaco, mide o osíxeno en sangue, fai un seguimento do sono, ten modos multi-deporte para rexistrar a actividade física, ten un corpo de metal, é resistente á auga (até 5 atmosferas) e a súa autonomía chegaría até os 7 días.
Dende Huami aseguran que o formato de pantalla do Amazfit X permite amosar un 250% máis de información que a pantalla dun Apple Watch Series 4, e como sistema de control optan por unha pantalla táctil sensible á presión (e con responsa vibratoria), co que conseguen un deseño minimalista. Tamén permite seleccionar entre numerosas esferas de reloxo (con máis de 40 widgets).
Podemos entender así que o Amazfit X aspira a comercializarse como un smartwatch con forma de pulseira, en vez de ser unha pulseira de actividade, como un xeito de xustificar o seu prezo que parte dos 138 euros, e que entraría máis na liña de reloxos conectados que de pulseiras como a Mi Band 4 (á venda actualmente por 29,99 euros). O Amazfit X pretende chegar aos seus mecenas no mes de agosto.
Non está nada claro que este produto vaia ter unha acollida comercial comparable á das pulseiras deportivas de fabricantes chineses, pero cando menos o seu financiamento está máis que garantido, multiplicando varias veces a cantidade fixada como obxectivo na súa campaña de micromecenado a poucas horas do se inicio.

O Amazfit X permite monitorizar o descanso nocturno

Vídeo promocional do Amazfit X

PUBLICIDADE