Amazon presenta a súa alternativa ao Chromecast de Google
luns, 27 de outubro do 2014
E abril Amazon presentou o seu
Fire TV, un dispositivo que leva Android ao televisor como sistema para
achegar contidos multimedia ao salón e que incluso pode empregarse como consola
de videoxogos, concepto que pareceu agradar a Google, que anunciou hai
pouco un produto semellante, o Nexus Player; e agora é Amazon quen parece
responder a Google estreando o Fire
TV Stick, que vén a ser o que poderiamos definir como o Chromecast de
Amazon.
O Fire TV Stick é así un dispositivo que podemos conectar a un porto HDMI do
televisor para amosar contidos da Internet dun xeito sinxelo e cómodo
(apostando principalmente polas películas, series de televisión, cancións e
xogos do catálogo de Amazon), e que busca imporse ao Chromecast ofrecendo un
apartado técnico bastante superior: ten un procesador máis potente (de dobre
núcleo) o dobre de memoria RAM (1 Gb) o cuádruplo de almacenamento interno (8
Gb), unha Wi-Fi máis rápida (de dobre banda e dobre antena) e incluso un mando
a distancia. Véndese por un prezo de 39 dólares (4 dólares máis caro que o
Chromecast) pero ofértase por 19 dóalres por tempo limitado.
Entrando en detalles, o Fire TV Stick funciona cun procesador Broadcom Capri
28155 con gráfica VideoCore4, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno, Wi-Fi
N con MIMO, Bluetooth 3.0, HDMI 1.4b (sobre o que amosar vídeo até 1.080p a 60
imaxes por segundo), micro USB (para recibir carga), unhas medidas de 84,9 x 25
x 11,5 milímetros e un peso de 25,1 gramos, mentres que o seu mando a distancia
mide 119 x 40,4 x 13,8 milímetros e pesa 56,9 gramos (con 2 pilas AAA no seu
interior). Aparte de empregarse mediante o mando a distancia incluído, tamén
opera cunha aplicación de mando a distancia para smartphones que incluso
soporta ordes de voz.
Un interesante produto que sairá oficialmente nos EE.UU. o 19 de novembro, e do
que aínda non sabemos se chegará a España, xa que a oferta de contidos en liña
de Amazon no noso territorio é bastante pobre, de xeito que este trebello perdería
bastante atractivo (de feito, o Fire TV orixinal segue sen estar dispoñible
aquí).
- O Fire TV Stick facilita o consumo audiovisual no televisor a través de HDMI