Amigus móstranos nun hackathon como converter a nosa casa nun fogar dixital
mércores, 15 de setembro do 2021
O
vindeiro 2 de outubro a Asociación Amigus vai organizar unha nova e
interesante xornada maker para seguir introducindo a pequenos
e maiores nas posibilidades creativas das tecnoloxías libres,
abertas e participativas. Trátase
dun novo obradoiro dos Amigus Labs centrado desta volta na domótica
e na Internet das Cousas (IoT), empregando software e hardware
libre. A cita, que vén con formato de hackathon, conta co
patrocinio da Xunta de Galicia.
Segundo
informan dende Amigus, “son moitas as solucións e produtos actuais
que buscan facernos a vida máis fácil na nosa casa conectando todo
a Internet, dende as luces e a aspiradora até a lavadora, pasando
pola neveira ou o cepillo de dentes, e neste obradoiro aprenderemos
como unificar e habilitar todos os nosos dispositivos con home
assistant, desde a instalación e configuración
básica a integracións e configuracións máis complexas para facer
que a nosa casa pense por nós”. A cita tamén dirixida a resolver
as dúbidas que poidamos ter en materia de compatibilidade, “xa que
no noso día a día corremos o risco de acabar con ducias de servizos
e aplicacións de fabricantes diferentes”.
A
duración do hackathon será de 10:30 a 19:00 horas.
Temos toda a información reunida na
web dos Amigus Labs, a través da cal é posíbel formalizar o
rexistro. Para calquera dúbida, enviar un correo á conta
amigus@amigus.org.
A
persoa encargada de impartir os contidos será Javier Vila, enxeñeiro
full-stack en Santander UK pero tamén maker no seu
tempo libre.