Amigus pecha o mes de agosto cun gran desafío tecnolóxico para as familias

mércores, 11 de agosto do 2021 S. P.

A Asociación Amigus, con base nas Pontes e centrada en actividades creativo-tecnolóxicas que poñen o foco na rapazada (por exemplo os laboratorios argalleiros Amigus Labs), vai organizar os días vindeiros un Breakout tecnolóxico no que e convidará ás e aos participantes a afrontar, cos seus respectivos talentos maker, diversos retos de xeito consecutivo. A cita será os días 26 e 27 de agosto no Lar de Endesa, As Pontes de 10:00 a 13:30h.
No encontro os asistentes han de resolver unha proba para conseguir unha pista que lles permita pasar á seguinte, e así sucesivamente, ata chegar a obter o resultado final que se buscaba: unha chave para abrir unha porta e escapar dun confinamento, ou un código que desactiva unha bomba, etc.
Algunhas das probas do Breakout tecnolóxico resólvanse por medio de videoxogos, deseño 3D, robótica ou Realidade Aumentada.
Para permitir que todos os/ as participantes teñan os coñecemento precisos para poder sacar adiante as probas, antes de afrontar a actividade Amigus realizará unha formación sobre as tecnoloxías involucradas posteriormente no mesmo.
O Breakout tecnolóxico é unha actividade conxunta, na que participan os pais e nais coas fillas e fillos. A idade das nenas/os será a partir de 8 anos. Será unha actividade de balde. As inscricións xa poden formalizarse por orde de rexistro, na web dos Amigus Labs.

PUBLICIDADE