Amigus prolonga a edición 19.2 do seu Lab co fin de ultimar os seus vehículos solares

xoves, 6 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A edición 19.2 das quedadas argalleiras da Asociación Amigus (os obradoiros Amigus Labs), posta en marcha esta fin de semana que vimos de deixar atrás, vai ter continuidade estes días, concretamente dende o venres até o domingo. O miolo da nova xuntanza maker será ultimar o remate dos prototipos para a Regata Solar que organiza Marine Instruments en Baiona o vindeiro 22 de xuño. De novo as argalleiras e argalleiros volveranse xuntar na Biblioteca do Conservatorio Profesional de Música de As Pontes.
Os traballos comezarán o venres pola noite a partir das 21.00 horas, montando a electrónica do barco solar co que participa Amigus na devandita competición, e dándolle os derradeiros axustes. Para o sábado está previsto facer as primeiras probas de navegación no Lago das Pontes e acabar de optimizar a electrónica e mecánica. “Traballaremos coa telemetría para analizar o rendemento e a eficiencia que nos dá a placa solar e como se comporta coas distintas mecánicas que preparamos”, sinalan dende Amigus, engadindo que o sábado pola tarde, entre as 16 e as 20.00 horas, volverase ao Conservatorio para rematar a montaxe da electrónica do prototipo de coche solar no que levan traballando dende varias edicións dos Labs. A idea é, tamén, facer probas de rendemento.
O domingo pola mañá levaranse a cabo os primeiros test de velocidade na pista do poboado das Pontes.
Tanto a construción do barco solar coma do automóbil sustentábel son proxectos abertos de Amigus, realizados ao abeiro do seu Fab Lab, nos que calquera pode participar para fomentar a creatividade en común e a colaboración. En todos eles empréganse software e hardware libre ou de código aberto.
As tarefas pendentes para esta edición 19.2 tamén incluíron o remate da programación e a configuración dun banco de probas, para analizar de forma sinxela a eficiencia de distintos motores e hélices e verificar cal achegará un meirande rendemento. O prototipo desenvolveuse con dous Arduinos Nano, sensores de IR e UV, un sensor de carga e un voltímetro mediante un divisor de corrente. Os valores que se avaliaron nos Amigus Labs previos foron en parte os empuxes que fornecen cada conxunto de hélices e o motor en función de diferentes condicións de corrente simuladas que se obteñen coa placa solar.
Outro dos labores destes días é, como dixemos, o remate do barco solar, de novo deseñado e impreso en 3D. Segundo informaron os días pasados dende Amigus, “este ano o buque ten un deseño máis eficiente, baseámonos unha vez máis no deseño dun trimarán con hydrofoil, que esperemos que nos faga un excelente rendemento, tal e como fixo nas probas do simulador”.
O terceiro dos proxectos é o coche solar que mencionamos antes, que imprimiu en 3D e co mínimo número de pezas comerciais.

PUBLICIDADE