Amplitude completa o seu financiamento a última hora

venres, 23 de maio do 2014 Marcus Fernández

A campaña para financiar o desenvolvemento dunha nova versión do clásico xogo de PlayStation 2 Amplitude principiada a primeiros de mes por Harmonix, compañía detrás de títulos como FreQuency e Rock Band, conseguiu superar os 775.000 dólares que perseguía a poucas horas de completar a súa captación de fondos, de xeito que confírmase que a primeiros de 2015 os usuarios de PlayStation 3 e PlayStation 4 poderán gozar deste prometedor xogo de acción e ritmo.
A conversión de Amplitude á alta definición é un exemplo de proxecto de micromecenado que demostrou as dificultades para manter o seu pulo de cara ao éxito, pois hai un par de días apenas chegara á metade dos cartos precisos para superar a cantidade pretendida. Aínda que a achega 7.500 dólares por parte do fundador de Insomnia, Ted Price, tivo unha imporante influencia no pulo que tomo o xogo nas últimas horas, resulta evidente que para que estas campañas trunfen precisan manterse moi vivas, chamando a atención en numerosas ocasións para que o público non as deixe de lado, lección que tamén aprenderon hai tempo os galegos de Gato Salvaje, que non conseguiron trunfar en Kickstarter ata que se presentaron nunha segunda ocasión (conscientes dos motivos que os levaran a fracasar na súa primeira campaña).


Vídeo promocional da campaña de micromecenado do xogo Amplitude

PUBLICIDADE