Angry Birds Go! para iOS xa está dispoñible dende os antípodas

xoves, 28 de novembro do 2013 Marcus Fernández

O vindeiro 11 de decembro é a data elixida por Rovio para a estrea en España do seu xogo Angry Bids Go!, título de carreiras que lembra ao célebre Mario Kart, só que os competidores, en vez de ser personaxes de Nintendo, son os paxaros anoxados e os porcos verdes da saga Angry Birds. Pero, como aconteceu no seu día con Plants vs. Zombies 2, estase a facer un lanzamento progresivo do xogo, xa que adopta a fórmula do free-to-play, polo que teñen que escalar debidamente os servidores que o atenden para non morrer de éxito o primeiro día. Deste xeito é xa posible descargar Angry Birds Go! na App Store dende os antípodas, de xeito que se temos unha conta de usuario en Nova Zelandia poderemos gozar anticipadamente deste agardado xogo que promete moita velocidade e diversión.

JPEG - 85 KB
No xogo poderemos empregar tanto un porco verde como un paxaro anoxado

O xogo conta con gráficos 3D que o converten en máis esixentes que outros títulos da saga (o iPod Touch de cuarta xeración non estaría soportado por presentar problemas de rendemento con esta aplicación), permite competir tomando o papel tanto de paxaros como de porcos, ten numerosos circuítos, os personaxes teñen poderes especiais, os seus modos de xogo son variados e irase actualizando para manter ao público enganchado. Permite o uso de TELEPODS e é a primeira entrega desta franquía en gozar de gráficos 3D.

JPEG - 109.5 KB
Os vehículos do xogo poderán ir recibindo melloras

PUBLICIDADE