Angry Birds Rio chega finalmente ao Android Market

mércores, 30 de marzo do 2011 Marcus Fernández

O pasado día 21 estreábase na App Store o xogo Angry Birds Rio, como un crossover entre unha película da 20th Century Fox e o máis popular xogo de Rovio, para chegar aos dispositivos co sistema operativo Android unhas horas despois a través da Amazon Appstore, plataforma de descarga de aplicación non dispoñible fóra de EE.UU. e Reino Unido, de xeito que esta última entrega das aventuras dos paxaros anoxados na súa versión para Android estaba secuestrada para os usuarios españois, o que vén de solucionarse ao chegar hoxe ao Android Market, repetindo o seu modelo de negocio: a súa descarga é de balde por integrar publicidade dentro do xogo.
Como a versión para iOS, o Angry Birds Rio para Android conta con 60 niveis repartidos en 2 episodios: o primeiro, Smuggler’s Den, no que debemos liberar a numerosos paxaros das súas gaiolas; e Jungle Escape, no que hai que derrotar a unha serie de macacos para enfrontarse finalmente o paxaro malvado da película Rio, que fai o papel de xefe final, unha innovación neste tipo de xogos. Nos vindeiros meses deberían chegar 4 episodios máis para ampliar a vida deste entretido título que consolida a saga de Angry Birds.

PUBLICIDADE