Angry Birds incorpora novos niveis e estrea un xogo de balde en Facebook

venres, 3 de agosto do 2012 Marcus Fernández

O popular xogo Angry Birds, pese a ser xa todo un clásico, continúa a contar con actualizacións con novos niveis, o que mantén o seu atractivo de compra, e hoxe, coa versión 2.20 inclúe 15 novos niveis no capítulo de verán Surf and Turf, á vez que tamén incorpora 4 novos poderes: Super Seeds (aumenta o tamaño dos paxaros, King Sling (aumenta a potencia dos tiracroios), Sling Scope (para facer tiros con precisión) e BirdQuake (provocando tremores que destrúen os escenarios), que facilitan conseguir 3 estrelas nos niveis máis esixentes.
O Angry Birds orixinal está dispoñible por 0,79 euros para iPhone e iPod Touch, e por 2,39 euros para iPad, mentres que a versión para Android (de balde) continúa sen esta última actualización (aínda que é de agardar que se actualice en breve).

Intel patrocina 10 novos nivels de Angry Birds en Facebook

Quen queira seguir gozando de máis niveis dos paxaros anoxados de Rovio, tamén poden xogar a 10 niveis en Facebook que están dispoñibles de balde grazas ao patrocinio de Intel, de aí que os porcos verdes teñan invadido un escenario con ordenadores portátiles e placas de circuítos. Como é habitual nas versión de Angry Birds para Facebook, tamén será posible convidar a amigos para competir para ver quen consegue a mellor puntuación nestes retos vía web.
E para culminar a vaga de novas sobre esta franquía de Rovio, tamén temos un vídeo no que anuncian a vindeira actualización de Angry Birds Space, que chegará no outono co gallo da chegada do robot Curiosity a Marte:




Anuncio en vídeo da actualización do Angry Birds orixinal

PUBLICIDADE