Anuncian os prezos de Office 2021

venres, 1 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Microsoft finalmente anunciou oficialmente as condicións nas que chegará a nova versión vitalicia de Office, ou sexa, que os usuarios que non queiran subscribirse a Microsoft 365 poderán adquirir Office 2021 a partir do vindeiro 5 de outubro a un prezo que para fogares e estudantes (inclúe Word, Excel, PowerPoint, OneNote e Microsoft Teams) será de 149,99 dólares, mentres que a versión para fogares e empresas (que a maiores inclúe Outlook) custará 249,99 dólares, estando ambos lotes de aplicacións dispoñibles tanto para PC como para Mac. Estes prezos serán previsiblemente de 149 euros e 299 euros en España (pois é a estrutura de prezos de Office 2019, que parece ser a que se mantén na nova versión).
Dende Microsoft advirten de que Office 2013 non soportará Windows 11, polo que os que teñan unha versión vella de Office e queiran actualizar o sistema operativo, sería recomendable que tamén actualizasen a súa suite ofimática.
Os prezos das edicións vitalicias son bastante elevados, e basicamente están dirixidos a usuarios que non desexan ou non poden acceder a servizos mediante subscrición, que é a opción preferente para acceder ao Office, xa que a través de Microsoft 365 non só temos as últimas versións das aplicacións ofimáticas de Microsoft, senón que tamén recibimos 1 TB de almacenamento en OneDrive, o que é un incentivo moi grande (xa que a meirande dos servizos de almacenamento na nube teñen un prezo superior ao mes e non inclúen o software de produtividade de Microsoft).

PUBLICIDADE