Anuncian unha pantalla 3D sen lentes de 52 polgadas e Full HD

luns, 23 de maio do 2011 Marcus Fernández

Os televisores 3D sen lentes que Toshiba levou ao mercado xaponés a finais do ano pasado contaban con 2 grandes eivas (un elevado prezo e unha resolución de pantalla moi reducida), pero estes factores vanse corrixido paulatinamente, e agora Nissho Electronics anuncia que vai comercializar no Xapón un panel LCD de 52 polgadas capaz de amosar imaxes en alta definición a 1.080p con imaxes 3D que non precisan de lentes para a súa visualización, aínda que cun prezo inicialmente moi elevado, xa que partirá de 1.700.000 millóns de iens (14.756 euros).
Esta pantalla terá un contraste de 2.000:1, un tempo de resposta de 8 milisegundos, un brillo de 700 cd/m2 e unha velocidade de refresco de 60 Hz. Tamén integra cunha tecnoloxía que permite ver imaxes 2D con certa profundidade (empregando filtros en tempo real). Aínda que estas pantallas parecen lonxe de chegar aos fogares, está claro que o feito de non precisar lentes e ter un grande tamaño podería convertelas en excelentes elementos para impresionar á audiencia en locais públicos.

PUBLICIDADE