Apple, Microsoft, Exxon e Walmart tamén terían vandalizado a Wikipedia
xoves, 30 de agosto do 2007
Non pasou aínda moito tempo dende que aos
directores dos telexornais de dúas das máis importantes cadeas nacionais de
televisión, ocorréuselles a idea de vandalizar
a Wikipedia nunha tentativa de amosar a súa vulnerabilidade e, de paso, introducir
outra nova ás esfameadas edicións de
verán dos partes informativos.
Coma xa se comentara nun artigo
de Código a semana pasada, un novo programa chamado WikiScanner é quen de
amosar as modificacións que tiveron as entradas da enciclopedia en liña, coas
correspondentes IPs dos “eruditos”. Pois grazas a esta aplicación e segundo o
publicado nun artigo da
CNN, as compañías ExxonMobil, Apple, Microsoft e Wal-Mart tamén terían levado a
cabo estas operacións de “estratexia loxística” na Wikipedia co fin de mellorar
a súa imaxe corporativa.
Mediante o uso do devandito programa púidose
dar coas IPs de varios empregados das
empresas devanditas, que non só modificaban de xeito favoritista as entradas
nas que se falaba das súas compañías, senón que tamén modificaban desfavorablemente
as entradas daquelas que falaban da competencia.
No artigo se explica que ademais das compañías
en cuestión estarían implicados en procesos de autobombo e difamación virtual departamentos gobernamentais, forzas
políticas, amais de diversos colectivos e ONGs.