Apple actualiza o hardware dos MacBook Pro
xoves, 12 de xullo do 2018
Nos
últimos meses son moitas as queixas que chegaban de usuarios históricos de
ordenadores de Apple, ante o abandono no que ten os seus distintos equipos, de
xeito que había guías de compra que recomendaban non mercar ningún ordenador de
Apple até despois do verán para evitar facerse cun equipos claramente
desactualizado. Temos así que a meirande parte dos ordenadores de Apple levan
máis de 400 días sen actualizar o seu hardware nin reducir o seu prezo, con excepcións
como o Mac Mini, que leva preto de 4 anos sen renovarse, ou o Mac Pro, que tivo
a súa última revisión hai algo máis de 3 anos, e está previsto que reciba o
relevo o ano que vén (sen chegar aínda a saberse se a primeiros ou a finais de
ano).
Ante este escenario foi realmente de agradecer que hoxe
o MacBook Pro, que levaba 402 días sen actualizar, renovou o seu procesador, a
súa pantalla e o seu teclado, de xeito que os maqueiros que precisen dun portátil novo por fin teñen un produto
cunhas especificacións actuais.
Os novos MacBook Pro con
Touch Bar inclúen procesadores Intel Core de 8ª xeración, con 6 núcleos no
modelo de 15 polgadas (o que supón unha mellora de rendemento de até o 70%) e
de 4 núcleos no modelo de 13 polgadas (cun rendemento até o dobre de rápido).
Estes equipos tamén inclúen a posibilidade de equipalos con até 32 GB de RAM e
até 4 TB de SSD, unha pantalla True Tone (a mellor pantalla equipada nunca nun
portátil de Apple), un teclado de bolboreta de terceira xeración que reduce o
ruído fronte ás versións anteriores (existindo rumores de que o novo deseño podería mitigar os grandes fallos dos modelos anteriores) e un chip T2 de
Apple (que ofrece seguridade mellorada do sistema de arranque seguro e
almacenamento cifrado sobre a marcha, á vez que integra «Oye Siri» no Mac.
O novo MacBook Pro de 13 polgadas parte dun prezo de 1.505,59 euros para un
modelo con procesador Intel Core i5, 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento,
mentres que o modelo de 15 polgadas parte dun prezo de 2.799 euros cun procesador
Intel Core i7, 16 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno. A configuración
máxima deste último equipo, ou sexa, cun procesador Intel Core i9, 32 GB de RAM
e 4 TB de SSD ten un prezo de 7.959 euros.
- Os MacBook Pro de 13 e 15 polgadas con Touch Bar contan agora con procesadores Intel Core de 8ª xeración