Apple e Microsoft cancelan os seus congresos presenciais para desenvolvedores

venres, 13 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Microsoft tiña previsto celebrar o seu congreso para desenvolvedores, Build, entre os días 19 e 21 de maio, pero a páxina web do evento recolle agora na súa parte superior unha mensaxe na que apuntan que ante a preocupación mundial polo COVID-19 decidiron cancelar o encontro presencial e convertelo nunha experiencia dixital, comprometéndose a devolver os cartos a todos os inscritos (o abono para os tres días do evento custaba 2.395 dólares).
Pero Microsoft non é a única compañía que anunciou a virtualización do seu encontro para desenvolvedores, xa que finalmente Apple anunciou que a WWDC 2020 adoptará un formato en liña completamente novo, mantendo a súa data de celebración no mes de xuño, cunha presentación principal e outras sesións que poderán seguirse a través da Internet, aínda que os detalles do evento aínda non se divulgaron, de xeito que iranse coñecendo nas vindeiras semanas.
En vista do impacto que ten a cancelación do encontro presencial, Apple anunciou que destinará 1 millón de dólares a organizacións da zona de San José para compensar a perda de ingresos que suporá que a vindeira edición da WWDC adopte un formato en liña.

PUBLICIDADE