Apple estrea tarxetas nano-SIM programables co iPad Air 2

venres, 17 de outubro do 2014 Marcus Fernández

A keynote de Apple realizada onte agochaba unha pequena sorpresa para os usuarios estadounidenses e británicos, xa que a versión con banda larga móbil do iPad Air 2 estreaba unha nova prestación que dará moito que falar: a tablet vén cunha tarxeta SIM de Apple pre-instalada. Isto quere dicir que cando alguén merque un destes dispositivos non terá que introducir unha tarxeta nano-SIM adquirida por separado, senón que terá a posibilidade de elixir entre varios plans de datos de operadores móbiles (AT&T, Sprint, T-Mobile ou EE) sen compromisos de permanencia a longo prazo, e incluso coa opción de elixir plans de datos de operadores locais cando o usuario viaxe a outro país, podendo configurarse tal prestación dende o propio menú do iPad Air 2.
Xa hai tempo que se rumorea que Apple pretende lanzar smartphones sen tarxeta SIM, pero vese que finalmente optan por unha solución máis estándar, de xeito que, sen pecharse ao uso de tarxetas SIM do usuario, permítese desenvolver unha SIM propia configurable para distintos operadores, o que volve darlle unha posición de forza de cara ás compañías de telecomunicacións, como aconteceu cando iniciou a distribución do iPhone (que chegaba a poucos operadores inicialmente).
Queda agora por ver se estamos ante unha solución que Apple integrará en todos os seus dispositivos con conectividade móbil o ano que vén ou estamos simplemente ante unha experiencia piloto previa á eliminación definitiva das tarxetas SIM dos seus dispositivos.

PUBLICIDADE