Apple modera a súa recomendación de utilizar anti-virus nos Mac

mércores, 3 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Nos últimos días se creou moito rebumbio despois de que se advertise na web de Apple un artigo no que se suxería a instalación de aplicacións anti-virus en ordenadores Mac, o que dende a compañía de Cupertino veñen de corrixir eliminando o polémico texto e asegurando a través do voceiro Bill Evans que «o Mac está deseñado con tecnoloxías integradas que achegan protección contra software malicioso e ameazas á seguridade dende un primeiro momento» o que non fai que sexan inmunes a calquera ameaza, de xeito que «o software anti-virus pode ofrecer protección adicional» pero non sería tan necesario como baixo Windows.
Na actualidade non existe ningunha ameaza de seguridade seria que afecte a Mac OS X, pero recomendar o uso de anti-virus podería ir dirixido a protexer a terceiros, pois os usuarios de equipos de Apple poderían recibir ficheiros infectados e remitilos a outras persoas sen verse prexudicados polos efectos nocivos do malware pero expondo a amigos e colaboradores que se fiarían dos arquivos pola súa procedencia.
Tamén se pode recomendar o uso de anti-virus para Mac pensando en que está a medrar a súa base de usuarios, polo que a aparición de ameazas software será só cuestión de tempo.

PUBLICIDADE