Aquafit e o Concello de Rianxo achegan á veciñanza unha app para estar en forma durante o confinamento

mércores, 25 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

O Concello de Rianxo e Aquafit, xestora en concesión da Piscina Municipal, veñen de xuntar forzas para facer máis levadío o estado de alarma as veciñas e veciños e para axudalas e axudalos e manter rutinas saudábeis malia o confinamento forzoso derivado do avance da pandemia. En concreto, Aquafit e o Concello achegaron unha aplicación de balde para móbiles que axuda aos usuarios a adestrarse e manterse en forma dende a casa. A aplicación, froito dun acordo entre as dúas entidades, posibilita o acceso a máis de 300 clases virtuais que se ponde realizar dende o fogar de cada quen a calquera hora do día.
Desde BeOne, grupo empresarial ao que pertence Aquafit, explican que “non é o momento de volverse sedentario. A actividade física fainos estar máis sans e fortes e é crucial para aliviar a tensión que poida causar o confinamento”.
Polo que se refire ao Servizo Municipal de Deportes de Rianxo, fixo saber que o exercicio físico é unha das principais armas das consecuencias da reclusión: “O movemento é unha vacina imprescindíbel ante os efectos nocivos para a saúde do confinamento, tanto a nivel físico como mental ou fisiolóxico”.
Por todo o devandito, o Grupo BeOne e o Concello de Rianxo abriron esta iniciativa a toda a veciñanza de Rianxo ofrecendo, de xeito libre e gratuíto, a posibilidade de acceso á aplicación de BeOne.
Como usar a ferramenta
Para dar uso á aplicación temos que rexistrarnos na páxina web de BeOne e obter as claves de acceso, co que podemos empezar xa a facer exercicios dende o fogar. Ademais, se queremos ampliar o abano de actividades a desenvolver, desde a conta de Instagram oficial de BeOne (beone_fitness_sport) impártense a diario clases en directo e en aberto de todo tipo de disciplinas: pilates, baile, tonificación... Ademais dispoñen de actividades orientadas ás familias e a persoas maiores.

PUBLICIDADE