Aquié: bota a andar en Ourense o supermercado galego e interactivo

martes, 28 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Captura da reportaxe de Teleminho sobre a presentación de AquiéXa apenas hai empresas novas, sexan do sector que sexan, que non teñan relacións estreitas co dixital. Porén, hai algunhas que xorden xa tirando o máximo partido destas ferramentas tecnolóxicas, converténdoas en instrumento de traballo e máis en elemento diferenciador de cara á competencia. Este labor de previsión é precisamente unha das bases da nova cadea de supermercados que vén de xurdir en Ourense da man do grupo Cuevas: a cadea Aquié. Segundo informa Laregion.es, a idea dos responsables desta rede vindeira de establecementos é empregar os novos formatos de comunicación, máis polo miúdo os interactivos, para satisfacer a demanda dos consumidores en materia de datos sobre os produtos que mercan ou están a piques de mercar.
A proposta, que ten moitas posibilidades de estenderse a toda Galiza (en breve chegará tamén a Pontevedra), participa das características xerais dun labor de innovación máis ou menos clásico. Ou sexa, que se basea en algo tan simple e á vez tan complexo como escoitar en detalle á xente. Neste caso, as/os compradoras/es.
Por certo que a apertura do primeiro elo da cadea Aquié está prevista para hoxe mesmo, logo de que fose presentada onte perante os medios.
O establecemento, para comezar, non se basea no clásico ir e vir polos corredores á procura dun produto concreto que botar ao carriño. A diferenza básica, neste punto, é que se trata de facer do acto de mercar alto “divertido e saudable”, informan os seus responsables. En certa maneira, séguese un pouco o espírito das novas tendencias na Sociedade da Información: convídase ao usuario a participar de xeito máis activo nos procesos. Neste caso, o supermercado contará cunha pantalla táctil na que se vai poder consultar a receita diaria (que vai mudando cada xornada) e logo poñer en papel o miolo desa información obtida, entre a que se contan os elementos nutricionais da escolla. Este compoñente virtual sobre a achega alimentaria de cada día compleméntase -xa que se trata dun supermercado- cos ingredientes reais ao alcance da man.
Segundo engade o devandito xornal ourensán, o establecemento interactivo contará para a elaboración dos menús (esencialmente galegos) coa achega da Universidade de Vigo, máis polo miúdo coa da Cátedra Cuevas. No desenvolvemento e posta en marcha desta iniciativa concorreron até 12 persoas, entre os que se contan especialistas en marketing e máis en innovación.
Por certo que xa hai data aproximada para a apertura do vindeiro supermercado: será na cidade de Pontevedra nun prazo de dous meses.
No YouTube podemos atopar un vídeo de Teleminho sobre a presentación oficial destes establecementos, que tamén aparece referenciada en Chuza! e máis en La Voz.

PUBLICIDADE