Arbo culmina a posta a punto tecnolóxica do Centro de Interpretación da Lamprea

luns, 30 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Arbo quixo rematar ao ano facendo unha serie de melloras tecnolóxicas no Centro de Interpretación da Lamprea e do Viño do Condado Arabo. A optimización consistiu basicamente en actualizar os contidos do espazo expositivo, cultural, turístico e dinamizador e, tamén, o equipamento multimedia do centro. Os traballos, que se poden visualizar nunha peza audiovisual explicativa lanzada polo Concello nas redes, foron posíbeis grazas a un investimento de case 66.000 euros, os cales, na súa meirande parte, procederon dunha subvención do Fondo Europeo FEADER.
O Centro de Interpretación do viño e da Lamprea Arabo é, en palabras, da Administración local, “unha fiestra cara aos visitantes para descubrir o que o Concello de Arbo pode ofrecer, ademais de transmitir a través dos paneis e os vídeos a verdadeira realidade e a historia do municipio”. Tendo en conta a súa relevancia e a necesidade de actualizar a súa capacidade para atraer visitantes e mellorar a súa experiencia, púxose en marcha un proxecto para “mellorar o deseño e a exposición permanente” achegando novos contidos (catro audiovisuais lanzados tamén nas redes e que se poden ver tamén na web do Concello de Arbo) e equipando a infraestrutura con sistemas multimedia para o visionario dos vídeos e do material interactivo: pantallas táctiles, monitores e proxectores con novos vídeos, fotografías, grafismos, contidos interactivos e redacción de novos textos.
Coas melloras introducidas no Museo Arbo, creouse un espazo para albergar unha exposición permanente sobre a Festa da Lamprea (histórica festividade cuxa primeira edición remóntase ao día 16 de abril de 1961, organizada por un grupo de veciños, funcionarios e restauradores do Concello a cargo da Comisión Pro Homenaxe á Lamprea, que tributaba a través desta xornada festiva o recoñecemento a unha riqueza antiga e inmemorial que o Miño proporcionaba).

PUBLICIDADE