Arkanoid e Space Invaders rexurden na consola de Microsoft

mércores, 6 de maio do 2009 Marcus Fernández

O Space Invaders Extreme permite lembrar a experiencia de xogo do mata-marcianos orixinal

A sección Arcade do Bazar de Xbox LIVE recibe hoxe 3 xogos a 800 puntos (9,6 euros) cada un que estarían chamados ao éxito, especialmente entre os nostálxicos, pois entre os mesmos está un remake do que para moitos foi a primeira máquina recreativa á que xogaron, o Space Invaders.
Space Invaders Extreme adapta a experiencia do xogo orixinal á alta definición da Xbox 360, permitindo derrotar a distintas hordas de naves alieníxenas que atacan á terra e que se achegan á parte inferior da pantalla paulatinamente, e que incluso permitirá modos de xogo competitivo en liña; Arkanoid Live! tamén resucita a un clásico, que neste caso trátase do moi imitado xogo de romper ladrillos, no que manexamos a unha nave Vaus que debe utilizar unha bola para rachar os bloques que hai en pantalla e derrotar a DOH; finalmente Zombie Wranglers é un xogo totalmente novo, no que hai que salvar á cidade de Potter Field dunha praga de mortos viventes coa axuda dun Wrangler-Pack (a arma empregada no xogo). Os 3 novos títulos contan coa súa correspondente demo, para que o usuario poida probar antes de mercar se estes xogos valen o seu prezo.

Arkanoid Live! adapta o clásico xogo de rotura de ladrillos á Xbox 360
Zombie Wranglers pretende aproveitar o éxito dos xogos de mortos viventes, aos que presenta con certo humor

PUBLICIDADE