Arredor de 120 estudantes participaron na edición máis virtual do Día das Rapazas nas TIC
xoves, 23 de abril do 2020
Este
23 de abril celebrouse a oitava convocatoria do Día
Internacional das Rapazas nas TIC máis intensamente virtual de
cantos se teñen organizado na nosa terra, aínda que a mensaxe fora
a mesma que nas anteriores edicións: fomentar a educación
tecnolóxica e mitigar o sesgo de xénero nestas profesión. A
xornada celebrouse integramente en liña, conectando ás
organizadoras e ás relatoras con 120 estudantes nos seus fogares. A
cita, que adoptou plenamente o formato virtual para sortear as
restricións á actividade presencial do Decreto de Alarma, contou
coa presenza de catro mulleres referentes no ámbito tecnolóxico
galego: Amparo Alonso, María Fernández, Isabel Expósito e Patricia
Mañana.
A
xornada desenvolvida esta mañá veu da man do Centro de
Supercomputación de Galicia (CESGA), en colaboración co Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a
Secretaría Xeral de Igualdade, a Asociación de Mulleres
Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) e a Asociación.GAL.
O
evento, creado para motivar ás novas xeracións de mozas co fin de
que consideren as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación)
como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico,
investigador e profesional, foi inaugurado pola directora da Axencia
Galega da Innovación (GAIN) e presidenta do CESGA, Patricia Argerey,
quen deu a benvida ás participantes xunto ao vicepresidente da
Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria Xeral de Iguadade, Susana López
Abella.
Amparo
Alonso Betanzos, María Fernández Hermida, Isabel Expósito Pérez e
Patricia Mañana Borrazás, catro mulleres galegas que traballan e
investigan en ámbitos relacionados coas novas tecnoloxías,
compartiron a súa experiencia e responderon ás dúbidas dos máis
de 120 estudantes de educación primaria e secundaria que seguiron o
encontro dixital.
Na
xornada participou tamén o presidente do Colexio Profesional de
Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, quen
explicou que a iniciativa complementa outras actividades do colexio
a prol da igualdade nas TIC, como o Premio Ada Byron, pioneiro en
España, e que anualmente recoñece o labor dunha enxeñeira en
informática “para crear referentes femininos para as nenas a
idades temperás”, ou outras iniciativas previas como
rapacinas.gal. En palabras de
Fernando Suárez, estes que estamos a vivir son “días convulsos”
que están a demostrar “a importancia da informática en moitos
ámbitos, como o educativo ou o asistencial”. Segundo fixo saber,
“é fundamental potenciar a educación tecnolóxica desde o inicio
do proceso educativo, o que sen dúbida mitigaría o sesgo de xénero
destas profesións”.
Amparo
Alonso
Amparo
Alonso é catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia
Artificial da Facultade de Informática da Universidade da Coruña
(UDC) e presidenta da Asociación Española de Inteligencia
Artificial (AEPIA) con recoñecemento e premios internacionais.
Explicou aos estudantes que a Intelixencia Artificial está presente
en moitas aplicacións e ferramentas. Ademais, como directora do
grupo LIDIA (Laboratorio de I + D en Intelixencia Artificial),
composto case á metade por mulleres, destacou o traballo deste
equipo de investigación que desenvolve proxectos de I+D en áreas
tan diversas como a medicina ou a xestión de incendios.
María
Fernández
Na
súa intervención, a artista dixital María Fernández explicou aos
alumnos e alumnas que a industria dos videoxogos é unha “gran
descoñecida”, mesmo para xogadores habituais. Faloulles das moitas
e variadas opcións laborais que existen no sector, e nas que
especificamente traballa como son escenarios, iluminación e guión.
Tamén lles comentou o importante papel que ten o feminismo na
industria. Aínda que lembrou que “tradicionalmente foi un sector
masculino con xogos feitos por e para homes”, actualmente
iniciativas como Women in Games –organización que promove os
videoxogos como unha carreira para mulleres, que organiza charlas e
apoia ás mulleres nesta industria e da que é embaixadora– e
outras asociacións están “conseguindo diversificar a industria
para que sexa, non só máis atractiva desde un punto de vista
laboral para as mulleres e outros colectivos minoritarios, senón que
os produtos no mercado e o público que os consuma o sexan tamén, co
obxecto de crear una industria aberta a todos”.
Isabel
Expósito
A
enxeñeira en Telecomunicacións Isabel Expósito explicou ás
estudantes o seu traballo coa medida de sinais electromagnéticos,
usados para a caracterización de antenas, tan en auxe actualmente
polo cambio de frecuencias na TDT, e para que funcionen moitos
dispositivos electrónicos que se usan a diario, como os móbiles,
ordenadores, routers ou as xa nomeadas antenas para ver a
televisión e escoitar a radio. Mesmo sinalou que roupa que se merca
nas tendas leva antenas con fins de loxística. Isabel Expósito é
técnica do laboratorio Antelia, que pertence ao grupo de
investigación de Sistemas Radio, recoñecido como grupo de
referencia competitiva pola Xunta de Galicia que forma parte do
AtlantTIC, un centro de referencia a nivel internacional de
investigación en Telecomunicacións da Unversidade de Vigo (Uvigo).
Patricia
Mañana
Patricia
Mañana Borrazás é arqueóloga especialista en novas tecnoloxías
aplicadas ao patrimonio, coordinadora do proxecto DIMENSO e profesora
no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Desde o
seu punto de vista, “a arqueoloxía é unha profesión moi
vocacional dos namorados do patrimonio, dos restos arqueolóxicos e
da emoción do seu descubrimento”. Partindo desta premisa, relatou
aos alumnos a súa experiencia profesional e como foi o proceso de
aplicar e traballar coas tecnoloxías na arqueoloxía.
O
seu interese pola arqueoloxía xurdiu ao facer un traballo escolar no
que tiña que presentar un castro que estaba ao carón da escola, o
de Elviña na Coruña. E todas as ideas que floreceron desta
actividade víronse reforzadas por un achado que fixo ao percorrer o
monte da aldea dos seus avós, que todos os veciños coñecían como
castro, chegando a descubrir que ese outeiro era en realidade a
muralla dun castro soterrado. Aí comezou “a súa paixón pola
arqueoloxía polo que se decidiu a estudar Historia”. Aínda que
non foi ata anos máis tarde cando comprendeu os beneficios de
aplicar as tecnoloxías ao seu traballo, e comezou a especializarse
no uso de ferramentas topográficas, sistemas de información
xeográfica, escáneres 3D ou fotogrametría. “Estas tecnoloxías
axudan a facer copias dixitais dos restos arqueolóxicos e a
identificar novos restos, co fin de obter resultados máis precisos,
completos e detallados”, explicou.
Día
Internacional das Rapazas nas TIC
O
Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride
internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a
considerar positivamente as novas tecnoloxías para o desenvolvemento
académico, investigador e profesional. O evento está organizado e
promovido polo CPEIG, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de
Galicia, o CESGA, AMIT e a Asociación.GAL.
Conta
co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación,
Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional,
Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica, Facultade de Ciencias
da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de
Compostela (USC), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da
Universidade de Vigo (UVIGO), a Facultade de Informática da
Universidade da Coruña (UDC), GalsTech, Hello Sisters! e
MujeresTech.
A
Secretaría Xeral de Igualdade e o CESGA, promotor e coordinador do
proxecto europeo ICT-Go-Girls!: Promoting Entrepreneurship through
ICT for Secondary School Girls (Promoción do emprendemento a
través das TIC entre rapazas de educación secundaria), considerado
como referente pola propia Unión Europea, levan desde 2013
impulsando e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e
promoción das Tecnoloxías da Comunicación e Información (TIC),
especialmente para conseguir que as mulleres alcancen unha presenza
igualitaria no sector dixital, mediante accións dirixidas a rapazas
entre 10 a 15 anos, franxa de idade que se considera chave para
cambiar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre
as rapazas.