Arrinca con 11 proxectos a cuarta edición da Business Factory Aero de GAIN

martes, 4 de outubro do 2022 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou este martes 4 de outubro no evento formal de ingreso dos proxectos seleccionados na Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación impulsado pola dito departamento da Xunta no marco do Polo Aeroespacial de Galicia. Serán 11 iniciativas as que participarán na súa cuarta edición, a que máis propostas recibiu, un total de 88. A cita celebrouse na sede da Fundación CEL en Lugo. Haberá un itinerario de incubación (con tres prazas e orientado a empresas en fases iniciais dos seus proxectos), de aceleración (con cinco propostas e deseñado para empresas cun modelo máis evolucionado) e de consolidación (a gran novidade desta convocatoria, pensada para empresas xa asentadas que queren ir un paso máis alá nos seus proxectos e na súa presenza nos mercados, na que haberá tres proxectos).
Das 11 propostas empresariais que protagonizarán esta nova edición do programa, un total de 8 corresponden a iniciativas de orixe galega. As outras 3 son de Cataluña, Navarra e Uruguai, feito que segundo fixo saber Argerey, “referenda o modelo autonómico en materia de internacionalización e de retención e captación de talento innovador no sector aeroespacial”.
Entre os seleccionados hai 3 empresas que xa teñen participado en edicións anteriores da BFAero e 4 constituirán novas iniciativas empresariais en Galicia.
En canto ás áreas temáticas nas que se encadran as distintas iniciativas empresariais escollidas, a categoría con maior presenza é a de Aplicacións, cun total de 6 proxectos, seguida de Plataformas con 3 e finalmente Equipos, con 2. Os 11 proxectos empresariais seleccionados empregan a un total de 57 persoas.
O itinerario de incubación é de 12 meses de duración, o de aceleración de 8 meses e o de consolidación de 4 meses. Estes 11 proxectos seleccionados accederán a un completo programa de formación con titores especializados no sector aeroespacial e disporán do apoio económico da Xunta de Galicia e da integración no ecosistema en torno ao Polo Aeroespacial de Galicia, ademais dun bono de 10.000€ para empregar servizos e infraestruturas nos que se inclúen horas de voo e apoio en certificacións do sector, entre outros.
A BFAero, en colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo, favoreceu nas súas tres primeiras edicións a participación de 19 empresas, a creación de 8 startups e un investimento de 5 millóns de euros. Coa cuarta e a quinta convocatoria, que contan cun investimento total de 7,2 millóns de euros, o obxectivo é apoiar un total de 25 empresas do sector.
Esta iniciativa para o sector aeroespacial enmárcase dentro da Rede galega de aceleradoras sectoriais de innovación e presenta aos 11 proxectos e empresas que protagonizarán a máis completa das edicións desenvolvidas ata o momento:
Incubación
-Proxecto Counter-UAS (spin-out de Gradiant, Galicia): Sistema de detección, identificación e neutralización de drons a través dun sensor de radiofrecuencia e un sensor electro-óptico.
-Kreios Space (Cataluña): Desenvolvemento de sistemas de propulsión eléctrica autónoma para satélites que permitirá reducir custos e aumentar a resolución de imaxes ata 16 veces.
-Aguia -Proxecto Smart Pavement Analytics (Galicia): Análise de imaxes e elaboración de informes automáticos para a inspección de infraestruturas liñais.
Aceleración
-Enercraft (Galicia): Solución de xestión enerxética e monitoraxe de datos para a optimización do uso e prolongación da vida útil das baterías dos vehículos non tripulados, reducindo a pegada industrial.
-Generadron -Proxecto Dronewind II (Galicia): Mellora na toma de datos das pas dun aeroxenerador en movemento e a automatización avanzada do proceso para poder comercializar tanto o sistema como o servizo. (Participante na primeira edición de BFAero).
-Beagle Technology (Galicia): Solución que inclúe software e hadware para ofrecer conciencia situacional mellorada en situacións de emerxencia (vídeo en tempo real xeoposicionado e posición de medios participantes propios ou alleos á mesma: embarcacións, aeronaves, ambulancias...).
-Dronfies Labs – Proxecto Cielum (Uruguai): Plataforma de provisión de servizos U-Space que engloba módulos de xestión e control do espazo aéreo, a integración por software e por hardware.
-Solucións aeronáuticas de Galicia - Proxecto Anduriña 25 (Galicia): Deseño, fabricación e comercialización dunha aeronave polivalente de grande autonomía con despegue e aterraxe vertical. É a primeira aeronave VTOL (engalaxe e aterraxe en vertical, polas siglas en inglés de vertical take-off and landing) redundante en todos os seus sistemas críticos desenvolvida e patentada en España.
Consolidación
-SDMAP -Proxecto ATOM (Galicia): Ferramenta para a integración de drons en operación e mantemento de instalacións industriais. Crea un entorno de traballo, planifica operacións, xestiona e procesa datos para análises complexas. Hardware a software que optimiza a captura de información, xestión, almacenamento e consulta (participante na terceira edición de BFAero).

PUBLICIDADE