Arrincan os preparativos para construír a nova sede do CESGA

venres, 2 de agosto do 2024 S. P.

A Xunta xa traballa nos preparativos para construír o futuro edificio do Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA) tras a captación de 47,7M€ de fondos europeos. Con estes fondos do mecanismo de Recuperación e Resiliencia, no marco do PERTE Chip, o Goberno galego construirá un edificio para albergar as novas infraestruturas coas que contará o CESGA, tamén financiadas por esta vía. Estes e outros datos centraron a xuntanza de traballo desta mañá, na que participou o conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez.
O conselleiro explicou que “oi novo edificio debe incorporar unha serie de características técnicas singulares, propias deste tipo de infraestruturas, polo que xa estamos dando os primeiros pasos de análise coa valoración de distintas localizacións e parcelas”.
Na xuntanza tamén participaron a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o director do CESGA, Lois Orosa, e co CEO da empresa B-Global, Lluis Gironella.
Esta actuación “suporá un importante incremento da capacidade de cálculo e almacenamento científico do CESGA”, sinalou o conselleiro, engadindo que “permitirá que a comunidade científica galega e o CSIC que avancen máis rapidamente na xeración de coñecemento e na innovación en practicamente todos os ámbitos de investigación”. E apuntou: “Este fito amosa a gran calidade e a competitividade do proxecto do CESGA e o liderado de Galicia neste ámbito”.
O novo edificio albergará as novas infraestruturas tecnolóxicas actualizadas e a os equipos de supercomputación renovados do centro, onde destaca a implantación do FinisTerrae IV. Así mesmo, tamén se implantará unha gran infraestrutura para almacenamento e tratamento masivo de datos científicos que poida dar resposta ás crecentes demandas da comunidade científica galega e do CSIC.
Ademais, os fondos europeos permitirán que a Xunta realice a despregadura dunha infraestrutura que permita avanzar na exploración e explotación dos paradigmas da computación cuántica.
Polo tanto, explicaron, “este proxecto facilitará profundar máis en materias como a física de altas enerxías, a climatoloxía, a meteoroloxía, a oceanografía, a ciencia de materiais, as ciencias da vida, o deseño de fármacos, a medicina personalizada, a Intelixencia Artificial, a sustentabilidade, a optimización de procesos industriais e moito máis”. Achegará, tamén, vantaxes competitivas aos grupos de investigación que son usuarios do nodo CESGA como membros da Infraestrutura Científico e Técnica Singular (ICTS) integrada na Rede Española de Supercomputación (RES), ante a crecente demanda destes.