As HTC Vive poderán reservarse a partires do 29 de febreiro

martes, 12 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Continuamos con achegas para confirmar ao 2016 como o ano da realidade virtual, e para botar máis leña ao lume The Telegraph adiante que unha das solucións que achegará esta tecnoloxía ao grande público, as HTC Vive, poderán reservarse a partires do 29 de febreiro, segundo declarou ao medio británico o director xeral da compañía, Cher Wang.
Esta tecnoloxía irá na liña das Oculus Rift, ou sexa, que buscan crear unha experiencia de realidade virtual avanzada, que vaia máis aló das experiencias inmersivas creadas a partires de teléfonos móbiles, e tendo que enfrontarse tanto á tecnoloxía de Oculus como ás futuras PlayStation VR.
Polo momento HTC non anuncia o prezo que terá o seu novo produto, que vai ter que enfrontase a unha grande competencia, pero non podemos esperar ter algo económico, pois lembremos que as Oculus Rift custarán 699 euros e un descoido na páxina canadense de Amazon fixaba o prezo de PlayStation VR en 1.125 dólares canadenses (724 euros).
Dende HTC non só temen as estes dous grandes competidores, senón que tamén prevén que xurda moita competencia de fabricantes chineses, o que podería ser todo un problema para a innovación neste ámbito que, cando menos na súa fase inicial, precisa duns alicerces sólidos baseados, cando mínimo, nun número de plataformas limitado para que os desenvolvedores saiban como deben dirixir os seus esforzos para que os seus traballos resulten frutíferos.
No caso das HTC Vive, para conseguir unha boa experiencia de uso empregarase un potente ordenador, o que tamén é un importante freo para a súa adopción, xa que só equipos actuais que custen máis de 1.000 euros serían capaces de procesar o nivel de detalle que facilite unha realidade virtual de calidade (os ordenadores habitualmente traballan a 30 imaxes por segundo, e na realidade virtual é preciso achegar unhas 90 imaxes por segundo para conseguir enganar aos sentidos).

PUBLICIDADE