As TIC foron co-protagonistas do Plan de dinamización galega 2016-2020
mércores, 22 de setembro do 2021
- O secretario xeral de Política Lingüística nunha imaxe de arquivo no Pazo de San Roque
O
Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico xa
impulsou máis dun centenar de actuacións destinadas a afianzar a
presenza do galego nas actividades produtivas e empresariais, poñendo
o foco non só nos ámbitos de actuación máis tradicionais, senón
tamén nos eidos de comunicación máis avanzados (redes sociais,
páxinas web, aplicacións, campañas de mercadotecnia, eventos en
liña, etc). Esta
cifra foi achegada no Parlamento polo secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García, quen debullou na mañá deste 22 de
setembro o devandito plan, un programa que terá continuidade dos
vindeiros anos, apuntou.
Na
súa opinión, este plan “soubo reorientarse para seguir cumprindo
cos seus obxectivos principais grazas aos distintos plans de
reactivación económica postos en marcha pola Xunta para incrementar
o uso da lingua en todos os sectores”.
Valentín
García salientou que desde o 2016 o Goberno autonómico contou con
este instrumento fundamental para o desenvolvemento de accións de
promoción da lingua galega no ámbito empresarial e comercial: “O
Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico é o
resultado de desenvolver o Plan Xeral de Normalización Lingüística
e foi un auténtico revulsivo para concienciar a sectores da economía
galega que tomaron consciencia por distintos motivos da utilidade e
responsabilidade de usar a nosa lingua á hora de ofertar os seus
produtos”, indicou Valentín García. “Debido á súa necesidade
e tamén á súa acollida, poñeremos en marcha a renovación deste
plan por catro anos máis ata o 2025”, engadiu.
O
secretario xeral aproveitou para anunciar a sinatura dun convenio da
Universidade de Santiago de Compostela (USC) para “que
investigadores de recoñecido prestixio da dita universidade e da
Universidade de Vigo (Uvigo) realicen un estudo sobre o impacto
económico da lingua galega no noso sistema económico”.
Un
amplo abano de ámbitos de actuación
En
total, dixo, durante os cinco anos de vixencia do plan, realizáronse
máis de 100 medidas directas repartidas entre as áreas da
alimentación, publicidade, construción e inmóbeis, asesoramento e
intermediación, TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación),
hostalaría e xerais (categoría que abrangue as actuacións
aplicábeis a todo tipo de empresas que non son específicas de
ningunha das outras modalidades e na cal contabilizouse o maior
número de accións ao longo do lustro, superando o 70% das medidas
postas en marcha en cada ano natural).
Valentín
García puxo o foco na importancia de iniciativas como os Premios de
Publicidade en Galego; a colaboración na celebración do Día da
Galeguidade Empresarial, impulsada polo Foro Enrique Peinador; as
colaboracións con diferentes empresas e entidades para organizar
actividades do Día das Letras Galegas, como Vegalsa-Eroski, Feiraco
ou Renfe; a organización de certames literarios en colaboración con
empresas como Coca-Cola, Repsol ou Abanca; as axudas ás entidades
locais para a promoción do uso da lingua galega no ámbito
económico; ou o apoio a diferentes actividades que se realizan
anualmente como é o caso de Culturgal ou a xornada Xustiza e Lingua.
Nesta
recompilación de actuacións levadas a cabo durante o período
2016-2020 tamén fixo referencia “ao efecto das restricións
padecidas o pasado 2020 por mor da crise sanitaria”. Esta
situación, dixo, “provocou unha redución da realización de
actividades de dinamización da lingua galega, tamén as incluídas
no plan para o tecido económico”. A raíz desta situación,
lanzouse un novo programa, o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo
21-22 (agora indo pola súa segunda edición) dirixido a dous
sectores económicos especialmente afectados pola pandemia, o da
cultura e o do turismo, inxectando máis de 5,5 millóns de euros
entre as dúas convocatorias para fomentar nestes sectores as
actividades en lingua galega dentro do Plan de reactivación dos
sectores cultural fronte aos efectos derivados da COVID-19 da Xunta
de Galicia.