As Xornadas sobre Software Libre da Coruña inclúen un total de 13 relatorios

mércores, 15 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

A vindeira semana, do luns 20 ao xoves 23 de abril, de novo teremos a oportunidade de contar co código aberto como piar do debate informático no noso país. O tema, tal e como se ten posto de manifesto nas reunións previas organizadas pola cada vez máis activa comunidade galega de usuarios e deseñadores de software libre, dá para moito. Esta precisamente, a de xerar o máximo e máis frutífero debate arredor dunha cuestión que afecta ao futuro do noso acceso á informática e ao coñecemento en xeral (a da programación aberta) semella ser a intención do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL, coas novenas Xornadas sobre Software Libre. Os encontros, que se celebran na Facultade de Informática da Coruña, serán no seu xeito de abrirse ao público unha aplicación fiel dos principios do código aberto: poderán participar de maneira activa nas xornadas todas aquelas persoas que estean interesadas na cuestión, con acceso libre e só limitado polo aforo.

As xornadas terán lugar na Facultade de Informática de A Coruña

Segundo informan os propios organizadores, a xuntanza é unha oportunidade para compartir experiencias e coñecementos adquiridos polos poñentes coa comunidade universitaria, seareiros e profesionais. O programa, por certo, xa está pechado, agás cambios non previstos de última hora, e para esta edición das Xornadas os asistentes terán á súa disposición un total de 13 relatorios cunha temática moi variada.
· Software Libre para a docencia impartido por Rubén Rodríguez Pérez de GNU España. Falará da necesidade de empregar o software libre na educación e rematará cunha parte máis práctica na que se falará de Trisquel Edu coma ferramenta para afrontar os esforzos da comunidade do software libre cara os centros educativos e a comunidade docente.
· Obradoiro básico de programación de robots de RealTimeBattle impartido por Teodoro Díaz Diz, onde se explicará como se desenvolve un robot de Real Time Battle, co fin de guiar a quen desexe participar no Torneo.
· Traballando con partituras en Software Libre impartido por Alejo Pacín Jul. Falarase de ferramentas como denemo, NtEd e RoseGarden e presentarase a distribución Musix.
· Introdución a GIS. GIS e Software Libre impartido por Adrián Eirís Torres do Cartolab.
· Adaptación de GIS libre para a mellora de rendemento de tarefas cartográficas impartido por Gonzalo Martínez Crespo do Cartolab.
· Introdución aos servizos OpenGIS impartido por Francisco Tsao Santín.
· A linguaxe de programación Python impartido por José Millán Soto no que fará unha introdución á linguaxe Python
· Debian: Presentación do proxecto e obradoiro de instalación impartido por Santiago García Mantiñán.
· Documentación de alta calidade con LaTeX impartido por Emilio J. Padrón e Mauro Silvosa. Presentaranse as vantaxes de LaTeX como sistema de edición de documentos de alta calidade, e proporcionarán un punto de partida mediante modelos predefinidos para a elaboración dos documentos máis importantes ou frecuentes. Máis información en http://latex.gpul.org.
· O proceso de migración a software libre de Enxeñería Sen Fronteiras Coruña impartido por Francisco J. Tsao Santín, onde falará do proceso de cambio dos sistemas informáticos na oficina coruñesa de Enxeñería Sen Fronteiras.
· Contornos de escritorio actuais en contornos GNU/Linux impartido por José Millán Soto e Diego Fernández Perdomo. Falarán dos contornos de escritorio máis utilizados hoxe en día en GNU/Linux, facendo especial fincapé sobre os obxectivos de futuro que presentan.
· Inet4all: Compartindo o noso acceso a Internet (impartido por Santiago García Mantiñán. Explicarase como compartir o acceso a Internet con Linux limitando o ancho de banda para que os posibles usuarios non poidan abusar do mesmo.
· Torneo RTB. Concurso organizado por Teodoro Díaz. O gañador do mesmo poderá gañar un premio de 60€ en material informático. Máis información proximamente.

PUBLICIDADE