As artes visuais centran a nova entrega do portal Proxector

martes, 14 de abril do 2026 S. P.

A entrega de abril do portal Proxector, iniciativa de divulgación en lingua galega que elabora o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunta dúas efemérides (o Día das Artes Galegas e o Día Mundial da Arte) para achegarse ás artes plásticas e visuais.
Baixo o título A arte ten a súa ciencia. Ollada ás artes plásticas e visuais escólmanse unha ducia de vídeos sobre diferentes disciplinas artísticas pero tamén para amosar que pode ser unha ferramenta de divulgación do coñecemento científico.
A escolma arrinca cun vídeo divulgativo sobre José Suárez (Allariz, 1902 - A Guarda, 1974), homenaxeado neste 2026 no Día das Artes Galegas. A reportaxe foi realizada por Miramemira con motivo da exposición José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, que se puido visitar na Cidade da Cultura en 2016.
Tamén como resultado dunha exposición, neste caso Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX, que acaba de pechar no Museo de Pontevedra, faise un percorrido pola obra dos fotógrafos profesionais e afeccionados que traballaron na Boa Vila.
Nesta entrega hai varios recursos vencellados a series audiovisuais. Un é o vídeo de presentación da serie documental Museo a ceo aberto, que se achega á arte urbana en Galicia. Outro é o vídeo da serie Catro + Catro, elaborada pola Asociación Cultural Urbana Taller Abierto, no que se afonda na obra artística de Yoseba Muruzábal.
Da serie Betanzos Capital, elaborada pola cooperativa Marma ao abeiro do II Certame de Fondos do Reino de Galicia, o historiador José Ángel Paz Quintana explica o calendario agrícola medieval representado nun dos capiteis da igrexa de Santa María do Azougue, en Betanzos.
Da man do divulgador Félix Longueira Fafián hai dous vídeos: un, dirixido a alumnado de 4º da ESO, no que comenta a obra e a traxectoria artística da pintora galega Maruja Mallo (Viveiro, 1902 - Madrid, 1995), unha das máximas representantes do surrealismo en España; e outro no que presenta as características arquitectónicas e artísticas de catro mosteiros da Ribeira Sacra: Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa Cristina de Ribas de Sil, San Paio de Abeleda e San Pedro de Rocas.
Do proxecto Aprendo con Olloboi, escolmase un vídeo no que Fany Bello (xefa de estilismo) e Ángel Amaro (director de arte) explican cal é a función do Departamento de Arte e Estética nun proxecto audiovisual.
Pecha a entrega unha selección de tres vídeos que amosan que a creación artística pode ser tamén unha ferramenta útil para o coñecemento científico, con tres exemplos concretos.
Proxector é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. O CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.