As axudas Starting Grant, máis preto do noso persoal investigador grazas a GAIN

luns, 8 de agosto do 2022 S. P.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), ofrece un servizo de asistencia e formación ao persoal investigador para lograr as Starting Grant 2023, as axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) dotadas con 1,5 millóns de euros para financiar carreiras investigadoras. Segundo informou a axendia que dirixe Pattrica Argerey, estes apoios poden incluír un millón de euros máis para cubrir os custos de start-up, a compra de equipamento ou para realizar traballos de campo. A actual convocatoria das ERC Starting Grant está aberta ata o vindeiro 25 de outubro.
GAIN ten activo un servizo de revisión e análise das propostas de persoal investigador que desexe optar á convocatoria europea. Trátase de formación e asesoramento personalizado para optimizar a elaboración das propostas, de cara a cumprir do mellor xeito os estándares de calidade das candidaturas. O persoal investigador interesado en recibir o servizo de asesoramento deberá enviar o seu currículo e a enquisa dispoñíbel na páxina web da Axencia Galega de Innovación ao enderezo oportunius.gain@xunta.gal. O prazo para achegar esta documentación está aberto ata o próximo venres, 12 de agosto.
Este soporte dirixido ao persoal investigador é unha das actividades do Oportunius, orientado a incrementar a participación de Galicia nos programas do Consello Europeo de Investigación (ERC).
O programa Oportunius creouse no ano 2014 para atraer e reter en Galicia talento investigador. É unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. No programa participan o Sistema Universitario Galego (SUG), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e as entidades de investigación galegas.
GAIN explica que nestes intres, con 32 iniciativas, “Galicia é a quinta comunidade en número de proxectos ERC así como en volume de recursos captados, que ascende aos 47,4 millóns de euros”. Por outra banda, 25 investigadores e investigadoras recoñecidos coas axudas ERC traballan en Galicia. Ademais, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) ocupa a sexta posición na clasificación de universidades españolas en número de persoal investigador ERC.
O programa Oportunius tamén impulsa o emprego cualificado en Galicia. A proba son os 165 postos de traballo creados en 2021 polo persoal investigador titular de proxectos ERC.
Á convocatoria de axudas Starting Grant da Unión Europea pode acollerse o persoal investigador adscrito a calquera das institucións de Galicia. Para iso, debe estar ao inicio da súa carreira. Concretamente, os requisitos esixidos son ter entre 2 e 7 anos de experiencia desde a finalización do doutoramento e contar cunha excelente proposta de investigación en calquera ámbito temático. O orzamento total destinado ás ERC Starting Grant 2023 ascende a 628 millóns de euros.

PUBLICIDADE