As claves da neurociencia para facer os mellores equipos, ao detalle da man de Vitae

mércores, 19 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Os profesionais que queiran mellorar as súas capacidades á hora de facer equipo de traballo e garantir o éxito dos seus proxectos (porque o equipo humano, a fin de contas, é a clave dunha boa iniciativa innovadora), van ter este outono unha inmellorábel oportunidade para ampliar recursos, coñecementos e horizontes. O obxectivo último: sermos mellores profesionais de recursos humanos ao saber con exactitude que talentos precisamos e como conseguir que estes abrollen e dean o mellor de si. Todo isto vén a conto porque Vitae Consultores organiza este mes de outubro (os días 22, 23, 29 e 30) a edición número 11 do Curso Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (e non TI) baseadas na Neurociencia. Será un obradoiro de 20 horas a desenvolver na Coruña, no Hotel Attica 21.
O curso, tendo en conta as claves que subministra sobre os moitos e variados talentos dos nosos profesionais potencialmente candidatos para as empresas innovadoras e os seus equipos, diríxese sobre todo a directores de proxectos e responsábeis de recursos humanos.
En materia de certificación, acreditacións e currículos, o obradoiro proporcionará aos asistentes 18 PDU, que son as Unidades de Desenvolvemento Profesional (polas súas siglas en inglés Professional Development Unit) a validar polo PMI (Project Management Institute).
A actividade formativa de Vitae ten ademais o obxectivo de afrontar, con recursos concretos, un dos grandes desafíos do devandito ámbito profesional: como dotar aos axentes de recursos humanos coas ferramentas psicolóxicas básicas para estimar que tipo de talentos ten un profesional a valorar? Por desgraza, segundo sinala Vitae, o común das metodoloxías máis estendidas non capacita neste punto, “o que implica que toda metodoloxía falle”, pois fallou previamente o alicerce da mesma, é dicir, “quen avalía non foi formado nin capacitado para esta tarefa”. En base a este punto, explica Vitae, o primeiro paso para calibrar a outro profesional será aprender a calibrarnos a nós mesmos. “Coñecéndonos deste xeito acadaremos meirande obxectividade na avaliación doutras persoas”, sinalan dende a consultora, engadindo que neste curso subministraranse as ferramentas e recursos máis indicados para lograr o autocoñecemento e para o exame doutros profesionais, sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño do que se bote finalmente man.
Para Vitae, é unha realidade incontestábel que o sector das novas tecnoloxías da información (o sector TI) demanda cada vez máis profesionais dos dispoñíbeis no mercado laboral, o que xera tensións nas empresas en canto a dar cumprido cos compromisos profesionais en calidade e prazo cos clientes de seu e en controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos.
O curso que presenta Vitae céntrase “na eficacia, en que facer, máis que na eficiencia, en como facer, para seleccionar candidatas/os e avaliar o desempeño dos nosos profesionais en contornas de escaseza de traballadores, aínda que ambas as facetas, a eficacia e a eficiencia, son necesarias para o éxito nos procesos de selección e avaliación”.
Nesta actividade formativa proporcionarase un método e unhas ferramentas coas “que se conseguiu unha porcentaxe de éxito de máis do 90% en selección de perfís TI, incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”, informan os organizadores do obradoiro.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, mestrado en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE