As emisoras públicas piden unha nova regulación da radio dixital

martes, 14 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

José Manuel Pérez (RTVE) e Mar Iglesias (FORTA) tras a sinatura do Convenio Compostela

En 2021 asinouse un acordo histórico entre RTVE e a FORTA (entidade que congrega ás entidades de radiotelevisión autonómicas) na Cidade da Cultura, levando a que recibise o nome de Convenio Compostela, e agora vemos que esta iniciativa para reforzar o posicionamento dos servizos audiovisuais públicos avanza instando á elaboración dun novo Real Decreto de radiodifusión sonora dixital terrestre que poña orde, reflicta a realidade da radio española e permite incluír a toda a radiodifusión legal actual.
No marco deste novo Real Decreto consideran preciso ter en conta as necesidades das emisoras públicas á hora de planificar a dixitalización real e efectiva da radio en DAB+, así como promover e adoptar solucións para que a radio en DAB+ non desapareza dos vehículos no futuro (lembremos que dende hai catro anos é obrigatorio que os novos coches integren receptor de radio dixital DAB+ de serie, polo que actualmente habería máis de 3,9 millóns de coches con estes dispositivos instalados).
Dende as emisoras públicas están preocupados ante o feito de que prolifera a difusión a través da Rede de contidos radiofónicos e de audio producidos por membros da FORTA e de RTVE sen o control destas entidades, así como tamén existen numerosas emisións ilegais en DAB+, polo que consideran preciso adoptar medidas para construír o futuro dunha radio dixital española, tanto pública como comercial.

O Convenio Compostela asinouse en 2021 na Cidade da Cultura