As empresas que ían participar no Mobile World Congress recibirán compensacións económicas

mércores, 25 de marzo do 2020 Marcus Fernández

A cancelación do Mobile World Congress de Barcelona por mor do COVID-19 víase no seu momento como unha medida un tanto precipitada, que atendía a unha histeria global difícil de xustificar, xa que naquel momento a presenza do coronavirus en Europa era case inexistente, pero a práctica confirmou moi atinada a decisión, aínda que vaia supor un duro golpe para a entidade organizadora, que vén de anunciar as medidas que adoptará para compensar ás empresas inscritas no evento cancelado.
A GSMA parece confiar nas compañías participantes, de xeito que ofrece diferentes opcións coa esperanza de que a meirande parte das empresas aposten por unha presenza a longo prazo no evento e así non supoña un golpe tan duro para a organización que force á súa disolución.
Os asistentes que mercasen billetes para acudir ao MWC recibirán o reintegro completo polo método de pagamento que empregasen, pero as empresas participantes poderán optar por distintas solucións en función da cantidade que investisen no evento. As empresas que gastasen até 5.000 libras esterlinas poderán recibir en efectivo o 100% das cotas relativas ao evento de 2020, pero tamén poden optar por recibir o 125% de tal cantidade fraccionada en 3 anos, de xeito que terían un desconto do 65% no MWC de 2021, do 35% no de 2022 e do 25% no de 2023. No caso de ter gastado máis de 5.000 libras a devolución sería de só o 50% cun máximo de 150.000 libras ou tamén a opción de recuperar o 125% das taxas repartíndoas en 3 anos.
A opción de fraccionar a devolución das cotas das empresas participantes garantiría a solvencia económica da GSMA, así como a celebración da meirande cita tecnolóxica do mundo durante varios anos.

PUBLICIDADE