As exitosas visitas virtuais á Torre de Hércules terán continuidade estes días de reclusión
mércores, 25 de marzo do 2020
Se
hai algo que nos está a mostrar a actual crise sanitaria é a
importancia das novas Tecnoloxías da Información a Comunicación
(TIC) para permitirnos seguir coa nosa vida diaria, coa nosa
actividade laboral (nos casos en que sexa posíbel), co noso lecer e
coa nosa ansia de coñecemento, saber e experiencias. Conscientes
disto, dende
a Torre de Hércules (Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña)
comezaron a ofrecer, co inicio da crise, visitas guiadas virtuais
para facer o máis levadío posíbel o confinamento das familias,
poñendo o foco nos máis pequenos da casa. Segundo confirmaron hoxe
dende a xestión do monumento, as visitas seguirán até que remate a
reclusión do estado de alarma. Nos próximos días explicaranse as
lendas de Breogán e Hércules e tamén se ofrecerán paseos virtuais
polo Parque Escultórico da Torre.
Programa
Para
as vindeiras datas están previstas varias visitas con “enfoques
distintos”, explica o Consorcio, engadindo que este xoves ás 12.00
horas, no Facebook
da Torre de Hércules, ofrecerase unha experiencia divulgativa
para explicar a lenda de Breogán e unha das xoias da contorna do
faro, a Rosa dos Ventos.
O
domingo a mediodía ofrecerase un achegamento ao Parque Escultórico
da Torre dirixido a nenas e nenos, que se completará o domingo
seguinte debido “á magnitude do parque”. O xoves 2 de abril
organizarase unha visita na que se falará de Hércules e das
diversas lendas que rodean o faro romano.
A
primeira semana
Durante
a primeira semana de confinamento, Turismo da Coruña ofreceu a
través da páxina
de Facebook da Torre de Hércules tres visitas guiadas virtuais
polo faro Patrimonio Mundial. Destas tres, unha foi dirixida á
rapazada, logrando o fito dos 500 usuarios conectados de maneira
simultánea e obtendo máis dun milleiro de comentarios. En total, as
tres visitas superan xa as 30.000 reproducións, explican dende o
Consorcio.
Debuxando
a Torre
A
dirección do monumento tamén lembrou o chamamento emitido o pasado
mércores a todos os cativos que están nas súas casas durante estes
días de confinamento para que envíen un debuxo da Torre de Hércules
cun arco da vella. O obxectivo desta iniciativa é empapelar o Centro
de Interpretación e Atención a Visitantes no momento en que poida
ser reaberto ao público cos gravados de todas as nenas e nenos
durante estes días de peche. Os debuxos terán que incluír os ditos
dous elementos e deberán ser enviados ao correo electrónico
torredehercules@coruna.es. Tamén poderán ser subidos ás redes
sociais co cancelo #DebuxandoATorre.
Novas
iniciativas
O
Consorcio tamén fai saber que ao longo dos vindeiros días
anunciaranse “novas iniciativas para seguir dando a coñecer a
cidade de maneira virtual” así como propostas en colaboración con
plataformas estatais como Saborea España para dar apoio aos locais
de hostalería da cidade que se viron afectados pola crise do
Coronavirus.
A
maiores, tamén informou de que durante os días que fiquen pechadas
as Oficinas de Turismo da Coruña, estas continúan ofrecendo soporte
telefónico a través do teléfono 661687878 e do correo electrónico
comunicacionturismo@coruna.es nos que se ofrecerá axuda en asuntos
relacionados co traballo de Turismo da Coruña.