As luminarias AtmosLED de Televés recoñecidas co certificado internacional ENEC

martes, 6 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

As luminarias de Televés nunha avenida de Compostela

Televés, referente no desenvolvemento de equipamentos de telecomunicación e en ámbitos avanzados de saúde dixital, vén de obter un novo e importante recoñecemento a outra das súas grandes liñas de actividade presente: o desenvolvemento de tecnoloxías de alumeado intelixente. En detalle, trátase da certificación internacional ENEC (outorgada por AENOR) para as súas luminarias AtmosLED, series E e N, deseñadas e fabricadas pola compañía de Santiago. Esta distinción abrangue tanto á luminaria propiamente dita como aos drivers, que tamén son fabricados pola compañía nas súas instalacións industriais de Compostela.
Segundo informa Televés, a certificación ENEC supón “un importante respaldo para as solucións de iluminación da empresa, unha liña de produto pola que a compañía está a facer unha aposta decidida, cunha gama de solucións que en vindeiras datas verase ampliada con novas referencias”.
ENEC é unha certificación con recoñecemento internacional que se concede só a fabricantes. Con este selo, que figurará nas luminarias AtmosLED, garántese que o produto superou unha auditoría específica, na que se comproba o cumprimento de esixentes requisitos en fabricación, control de calidade e seguridade eléctrica, entre outros aspectos.
As luminarias
As solucións de iluminación profesional LED de Televés salientan por varios aspectos no panorama actual de tecnoloxías de alumeado, aspectos entre os que se atopa a súa longa vida útil sen que sexa preciso mantemento, grazas, en palabras do fabricante, “á súa excelente xestión térmica”. Amais, poñen en xogo aforros enerxéticos de até o 80% fronte a sistemas convencionais grazas a eficiencias superiores aos 150lm/W. A esas vantaxes engádese a posibilidade de incorporar a cada proxecto opcións de monitoraxe e control que permiten programar a intensidade lumínica da instalación nos horarios definidos polo xestor.
Televés tamén enxalza a versatilidade da gama AtmosLED: “Estes equipos ofrécense nun amplo rango de temperatura de cor (desde 2.200 K até 5.000 K), e poden adaptarse a calquera aplicación, desde a iluminación de rúas, avenidas ou estradas até proxectos en centros comerciais, áreas recreativas ou instalacións deportivas”. Poden igualmente dar luz a monumentos históricos ou fachadas.

PUBLICIDADE