As mulleres serán protagonistas na nova edición do Carballo Interplay

martes, 12 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

O Carballo Interplay, festival galego de contidos audiovisuais online, segue a dar que falar. Con motivo das reivindicacións do pasado 8 de marzo (Día Internacional da Muller), as organizadoras do certame lembraron que o programa de actividades e proxeccións vai estar ateigado de humor feminista. A achega de ingredientes complétase cunha boa ración de sororidade e de videoxogos dende unha óptica feminina. Para quen non o saiba, a sororidade alude ás frontes comúns creadas entre as mulleres para facer desaparecer as múltiples fendas (dixitais, sociais, económicas, tecnolóxicas) que as separan aínda dos homes.
O programa de Carballo de Interplay rebordará, neste senso, de voces femininas. Por exemplo as das cómicas arxentinas Malena Pichot e Charo López, que son referentes do humor e da crítica nas redes sociais, onde xuntan millóns de seareiros e seareiros. Segundo informa a organización do CIP, “despois de acadar o éxito global hai dez anos cos seus vídeos cómicos, Pichot e López percorren o mundo cun show de humor con trazas de musical fallido, Hermostra, que se poderá ver en Galicia por vez primeira o venres 5 de abril no Pazo da Cultura de Carballo”.
O espectáculo das cómicas arxentinas son será o único contido feminista desta nova edición do Carballo Interplay. O festival de contidos dixitais pon o foco, unha vez máis, nas mulleres creadoras e xuntará tres nomes de referencia no audiovisual dixital (Anabel Lorente, Lula Gómez e Rocío Quillahuaman) para falar de como a devandita loita de sororidade nas redes une e fai máis fortes a mulleres de todas as idades e de todo o mundo. “E máis agora, que o feminismo deu un golpe na mesa global para facerlle fronte á violencia machista e ao patriarcado”, engaden as organizadoras do festival bergantiñán, recordando que Anabel, Lula e Rocío compartirán faladoiro no certame con Isabel Cano, investigadora e desenvolvedora de videoxogos, amais de responsábel dos obradoiros de Girls Make Games en España e colaboradora activa en FemDevs. Cano ofrecerá a palestra Nin musas nin segundonas: as mulleres que crearon a industria do videoxogo, homenaxe ás mulleres que forman e formaron parte da industria do desenvolvemento deste tipo de lecer dixital, e máis un obradoiro de balde de creación de videoxogos para rapazas destinado a nenas de 10 a 13 anos.
Completarán o programa formativo desta edición o Campamento Kamikaze e mais a clase maxistral gratuíta Como crear para unha canle de YouTube?, a cargo da directora de proxectos da canle Tik Tak Draw.

PUBLICIDADE