As nosas tres universidades galegas amplían o alcance da súa iniciativa de divulgación científica en galego

mércores, 28 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Novembro é o mes da ciencia, ao dar acubillo a unha celebración internacional que sobre o papel ten só sete días, a Semana da Ciencia, pero que se ramifica en todas direccións espazo-temporais. Amais disto, unha boa parte do noso colectivo de investigadoras/es non quere deixar pasar a ocasión, este mes e os que veñan, de lembrar o importante que é facer ciencia ao tempo que se fai lingua. Ou sexa, que o éxito é duplo se xuntamos divulgación científica máis divulgación do galego. Nesta liña insírese unha campaña que non é nova, pero que colle folgos: En galego tamén se fai ciencia, unha iniciativa promovida pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística (UVigo, UDC e USC) que naceu en 2010 e da que esta mesma semana, “tralo éxito da primeira campaña, presentouse unha segunda fase na que se amplían os campos de participación.
Trátase, máis polo miúdo, dun esforzo colectivo da comunidade universitaria galega. Na presentación desta nova edición da iniciativa participaron o reitor vigués Salustiano Mato, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e representantes dos Servizos de Normalización Lingüística das tres universidades galegas. Todas/os estiveron de acordo en recoñecer o labor desinteresado de quen apoia e promove esta proposta científico-lingüística, co fin de “seguir desafiando os prexuízos que queren danar a lingua, a lingua que recollen os estatutos das tres universidades como propia das institucións, propia do país no que están inseridas e para o que traballan”, subliñou o reitor vigués, que aproveitou o acto oficial para facer un chamamento colectivo á necesidade “de recuperar o consenso lingüístico, conseguir para a lingua máis función sociais e máis espazos de uso, ao mesmo tempo que se dota de maior prestixio na transmisión da cultura científica, como xa o ten na cultura literaria e social”.
Como sinalamos en Código Cero con motivo das orixes desta liña de traballo, a idea básica (apoiada por recoñecidos investigadores galegos, como Xavier Alcalá ou Anxo Carracedo, entre outros moitos) é unir forzas para crear e consolidar unha fronte común que traballe por botar abaixo a falsa crenza de que o noso idioma é incompatíbel co desenvolvemento investigador que xorde ao abeiro das escolas. Segundo se expresaron daquela as tres institucións educativas galegas, esta iniciativa a prol do galego como linguaxe científica ten a súa raizame en datos como o índice de emprego do idioma por parte do persoal docente e de investigación (só o 12% usa a nosa lingua), a taxa de alumnos (o 23%) ou a de graos (o 32%).
A proposta, que tivo o seu xermolo na Universidade da Coruña (se cadra a que menos taxa de galego falantes ten), foi rapidamente asumida polas de Santiago e Vigo, todas elas baixo o lema En galego tamén se fai ciencia, un epígrafe que fala por si só.
Na primeira campaña, informa a Universidade de Vigo, escolleuse a un nutrido grupo de persoas cunha validez e traxectoria recoñecida no mundo da investigación e da docencia cunha mensaxe clara: en galego tamén se fai ciencia. Era o verán de 2010 e, dende aquela, as circunstancias non mudaron moito, por desgraza, polo que cómpre seguir traballando. Así o fixo saber a técnica de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Cristina Rodríguez Ricart, quen insistiu en que “se na primeira campaña asentamos a idea de que en galego tamén se fai ciencia, nesta enriquecémola, fortalecémola e afianzámola”.
O ex-reitor vigués Domingo Docampo e a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Edita de Lorenzo, foron algúns dos persoeiros que achegaron as súas propias ideas sobre o galego na primeira edición. Para as novas xeiras de traballo, a campaña amplíase ao persoal que traballa nos laboratorios, e ás disciplinas auxiliares como son a tradución e a interpretación especializada, a divulgación científica a auditorios non especializados, caso da prensa xeral ou actividades como os cafés-teatro científicos. Asemade, nesta nova fase dáse cabida á visión da comunidade de estudantes que está rematando a carreira “e axiña pasarán a ser parte activa do eido da ciencia e tecnoloxía”. A maiores, ponse sen xogo o punto de vista de xente de fóra, investigadoras e investigación galegas e galegos de adopción, “que nos achegan unha perspectiva moi necesaria da nosa lingua e as súas posibilidades”.

PUBLICIDADE