As posibilidades da televisión dixital na nosa terra, a debate a fin de mes

mércores, 14 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

A televisión dixital achega hoxe en día tantas dúbidas coma certezas e, nalgúns sectores da poboación, moitas máis das primeiras ca das segundas. Co obxectivo de debater arredor deste fenómeno tecnolóxico do que por moito que o tentemos non poderemos ficar á marxe (lembremos o apagón analóxico de 2010 para toda a poboación), a Academia Galega do Audiovisual organiza os días 29 e 30 deste mes a nova edición do Foro Academia Aberta 2007, que desta volta vai encamiñado a incidir no que vai representar para a nosa terra a televisión dixital, sobre todo no que se refire ás novas tecnoloxías e ós novos servizos que virán ligados a ela ou mesmo serán desencadeados por ela.
As actividades terán lugar no Hotel NH Obradoiro de Santiago e contarán coa presenza de expertos a nivel estatal e galego, representantes das principais empresas concesionarias de emisión de Televisión Dixital Terrestre a nivel autonómico e local e membros de asociacións profesionais e empresariais do sector audiovisual galego.

PUBLICIDADE