As tarxetas microSD de SanDisk chegan até os 400 GB de capacidade

xoves, 31 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Cando se presentan novos smartphones é frecuente ver como se comenta que soportan tarxetas de memoria con capacidades extraordinariamente altas (2 TB) cando hoxe non existen comercialmente, pero iso non quere dicir que non vaian facelo durante a vida do terminal, de aí que se destaca o detalle. E como exemplo de incremento da capacidade das tarxetas de memoria para móbiles temos que Western Digital presentou hoxe na feira IFA as novas SanDisk Ultra microSDXC UHS-I de 400 GB, atendendo así as necesidades de capacidade de almacenamento que fan, por exemplo, os usuarios que gravan vídeo con frecuencia.
Coa nova microSDXC de SanDisk un usuario dun smartphone ou dunha tableta con Andorid pode almacenar até 40 horas de vídeo Full HD e gozar de velocidades de transferencia de até 100 MB/segundo (ou sexa, que poderían mover unhas 1.200 fotografías por minuto) e, graza a cumprir coa especificación A! App Performance Class tamén conseguiría cargar aplicacións almacenadas na tarxeta de memoria máis rápido que en tarxetas anteriores.
Iso si, poder contar cunha tarxeta de memoria co tamaño dunha unlla na que meter 400 GB non é precisamente barato, e mentres que as versións de 128 GB e 200 GB poden atoparse facilmente por 59,99 e 89,99 euros respectivamente, a de máxima capacidade non tería un prezo proporcional, e venderíase nos EE.UU. a 249,99 dólares (en Amazon.es figura a 258,99 euros), o que é un prezo bastante axustado para un produto que polo momento carece de competidores.

PUBLICIDADE