As tecnoloxías Wi-Fi simplifican a súa nomenclatura

xoves, 4 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A incorporación das distintas xeracións de tecnoloxías Wi-Fi resultaba bastante confusa para o usuario por definirse en función ao estándar que seguen, que teñen nomes tan complexos como IEEE 802.11b, de xeito que era difícil para moitos saber se un produto que ían adquirir está á última, o que solucionan de cara á nova xeración adoptando números para a súa designación comercial, de xeito que os futuros produtos que soporten o estándar IEEE 802.11ax designaranse como Wi-Fi 6, mentres que os anteriores Wi-Fi AC e Wi-Fi N pasarán a chamarse Wi-Fi 5 e Wi-Fi 4, facilitando así que un usuario coñeza a xeración de rede sen fíos coa que se está a traballar.
Esta nova nomenclatura irá acompañada por unha chea de logotipos identificadores que poderán incorporar os diferentes produtos de electrónica de consumo con conectividade sen fíos e confían en que a facilidade para identificar os produtos de nova xeración tamén anime aos usuarios á súa adopción, xa que os usuarios saberán de xeito doado cando un produto emprega unha tecnoloxía vella e previsiblemente optará por novos equipos e accesorios con mellor conectividade para apostar por unha vida máis longa e unha mellor experiencia de uso.
A Wi-Fi Alliance asegura que as certificacións Wi-Fi 6 para produtos chegarán en 2019, que será o ano no que teremos que afacernos a este novo xeito de definir ás distintas tecnoloxías de Wi-Fi.

Exemplo de identificadores da tecnoloxía Wi-Fi que comezaremos a ver o ano que vén

PUBLICIDADE