As telecomunicacións facturaron máis de 30.000 euros en 2007 en España

xoves, 26 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Enter, o centro de análises tecnolóxicas do IE-Business School, vén de facer público un informe que representa, ante todo, boas novas para o sector das telecomunicacións en España, tal e como se pode deducir (sen necesidade de espremer os miolos) do seguinte dato: o sector facturou no país 30.008 millóns de euros en 2007. Esta información, que representa un medre do 4,4% con respecto ao ano anterior, complétase coa seguinte: o medre non sería posible de non ser polo bo intre de forma das comunicacións móbiles, a principal porta de entrada (para moitos a única) dos españois e españolas á era dixital.
O volume total de negocio para este subsector foi de 16.238 millóns de euros, un 11,7 % máis ca no anterior, representando a achega da telefonía móbil o 91,6% da dita cifra. Polo que respecta ao acceso fixo a Internet, dicir que tamén medra, e de xeito máis espectacular (nun 26%), aínda que o facturado (3.410 millóns) non sexa tan salientable.
Estas e outras cifras, sinálase no informe, son en xeral positivas, aínda que está por ver como afectará a crise actual, sufrida sobre todo ao longo do que vai de ano en case todos os sectores e niveis, ás taxas de facturación e medre do vindeiro estudo de Enter.
Con todo, cómpre dicir que xa hai quen sinala que un dos aspectos máis salientables da desaceleración, a alza dos prezos do combustible (causa e tamén consecuencia da crise), acabará por repercutir positivamente na aposta polas novas tecnoloxías da información. É dicir: que se as empresas poden facer un traballo determinado a través das redes, vano facer a toda costa con tal de non estaren obrigadas aos desprazamentos.

PUBLICIDADE