As tres mozas creadoras de Sientegalicia.com desvelan en Lugo os segredos da súa web

martes, 18 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

A iniciativa Sientegalicia.com, posta en marcha por tres mozas emprendedoras da provincia de Lugo, foi presentada este luns 17, en tódolos seus detalles, nos viveiros da Fundación CEL. Como o seu propio nome indica, trátase dunha empresa-web destinada a fortalecer o turismo na nosa terra, facendo uso intensivo das TIC, pero non un turismo calquera senón unha actividade alternativa que repercuta no crecemento do sector, atendendo ás empresas e negocios que tratan de competir coas grandes multinacionais. A iniciativa foi descrita polo miúdo polas súas tres creadoras, Noelia, Carmen e Keina, que estiveron acompañadas polo presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla, e o da Federación Galega de Turismo Rural, Manuel Vicente.
Precisamente foi no seo da dita fundación onde a empresa deu os seus primeiros pasos, en xaneiro de 2010, cando xa comezou a coller corpo a idea de pór en marcha o que, en palabras destas tres mozas emprendedoras e viaxeiras, é “o primeiro portal de venda de escapadas, vacacións e todo tipo de experiencias de lecer especializado na comunidade galega”.
Por certo que amais de viaxeiras, as creadoras desta web son, tamén, usuarias asiduas das novas redes e canles tecnolóxicas, recursos onde detectaron dende hai tempo un potencial de actividade, divulgación e comunicación a ter en conta, como tamén ten un gran potencial, comentaron, a nosa terra no ámbito do turismo de lecer, “até o de agora unha descoñecida”. Xuntar estes dous mundos é pois o alicerce da súa proposta.
En opinión das tres mozas, “as propostas que existían en Galicia neste ámbito estaban espalladas e pouco integradas”, ao tempo que se multiplicaban os atrancos para localizar un produto de calidade na rede. Deste xeito, sinalaron, decatáronse de que había un mercado por explotar neste sector, e unha clara oportunidade negocio.
Polo que respecta ao portal en si mesmo, dicir que non estamos unicamente perante unha web de venda en liña de viaxes e experiencias. A idea, tamén, era a de pór ao alcance da comunidade internauta de todo o mundo unha “fiestra dende a que ver Galicia, os seus recantos exquisitos, a súa gastronomía, o seu patrimonio histórico e natural, a súa maxia”. Polo tanto, amais dos convites específicos de itinerarios, excursións e demais, o portal fornécenos de datos de interese turístico sobre toda a nosa terra, cubrindo tódalas frontes que sexan do noso interese, dende que ver e que visitar até onde durmir e comer.
A proposta, como dixemos, non é nova. De feito, a web xa leva algún tempo dando pasos na Rede, a diferenza está en que agora colle corpo como unha iniciativa real de actividade produtiva e con capacidade de convocatoria. Ao longo de mes e medio de campaña activa na Rede, comentaron as responsábeis da súa posta en marcha, a web recibiu máis de 16.000 visitas, procedentes de toda España. Ao abeiro do portal, víronse neste tempo máis de 62.000 páxinas, o que quere dicir que o usuario do portal interésase polos seus contidos, “pois navega unha media de catro minutos polo mesmo”. Asemade, ten máis de 1.500 seareiros en Facebook.
Respecto á presentación en si mesma, lembrar que se desenvolveu no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, e contou coas achegas de Manuel Vicente, presidente da Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR), que falou sobre a situación do sector turístico galego, enumerando as “enormes potencialidades da Comunidade, en especial nestes tempos de crise, nos que se está detectando unha menor saída ao exterior do viaxeiro español que se queda no país”. Na súa opinión, este que vivimos é un intre que cómpre aproveitar, así como vén, xa que o feito de que se teñan reducido as viaxes alén das nosas fronteiras, emprázanos ante unha moi boa oportunidade de crear produto. Neste senso, engadiu, Sientegalicia.com é un elo da cadea que faltaba, pois hai moi pouca oferta nacional sobre Galicia. A proposta, engadiu, axudaralle ao resto do sector a mellora.
No acto tamén participou o presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla, quen tamén fixo fincapé no potencial de futuro do portal, ao achegar unha oferta de índole especializada centrada nas expectativas e formas de comunicación actuais e que olla sempre na dirección da calidade.

PUBLICIDADE