As vantaxes dos netbooks, unha por unha na FNAC da Coruña

venres, 3 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

A FNAC da Coruña foi o escenario esta semana dun encontro cos seareiros da informática e dos trebellos móbiles no que se lles expuxeron as principais vantaxes de uso dos netbooks ou computadores ultraportátiles, novos aparellos que alén das súas funcionalidades, teñen unha característica de agradecer para a nosa integridade física: non requiren para o seu traslado moito máis esforzo que o de levar un móbil.

O obxectivo da FNAC con esta presentación foi de facer fincapé nas achegas prácticas que estes portátiles poñen en xogo: teñen unha parte importante do que se lle esixe hoxe a un ordenador normal (moitos deles valen para algo máis que para navegar na Rede) pero tamén poden ser usados como libros electrónicos, cousa que tal e como se está a poñer o mercado literario (con editoriais e máis editoriais sumándose ao ebook, incluídas as galegas), tamén é un punto ao seu favor.

A xuízo da FNAC, os netbooks son prácticos e atractivos e incorporan múltiples variantes para as necesidades de cada quen, tanto no que se refire a deseños como a capacidade de memoria, que pode chegar a ser ben alta. Na cita da FNAC cos seareiros das TIC, celebrada o mércores polo serán, tamén se abordou outra vantaxe importante destes trebellos: o seu baixo custe.

PUBLICIDADE